Anuncios
Ticker de novas

Un anaco de historia do Mercado de Sabarís

O Mercado de Sabarís no ano 1928.

Dende a Idade Media celébrase cada luns na actual Praza Victoria Cadaval de Sabarís e a ponte románica contigua, uns dos mercados semanais máis antigos de Galicia. O mercado é hoxe en día, a viva testemuña do importante punto comercial que dende o medievo en adiante representaba Baiona na área da súa xurisdición que abarcaba ata o val do Louriña e o val de Ribas do Miño. Este mercado é o resultado dunha apaixonante evolución. Responde ao empeño dos mercaderes e a súa constante pugna por buscar o mellor dos aposentos para levar a cabo a venta dos seus produtos en aras da supervivencia e progreso. Esta céntrica zona da Parroquia de Santa Cristina, consistía nunha segura confluencia de vías que daban acceso a outros lugares de onde procedían os mercaderes e mercadores, con outro elemento favorable, un río (Groba). Polo tanto constituía unha zona propicia e segura para o intercambio e venta de produtos: pasas del sol, pasas de legia, azúcar, almendras, dátiles, miel, higos, calabacete y diacitrón, jabones, cera, manteca real, alfeñique, nuez moscada, confitura real, pimienta, quesos de Castilla y de la mar, carne, pescado, congrios, sardinas, budions, maragotas, pulpo, aceites, hierro, brea, paños, lienzos, sebo, cordobanes, etc…

O 26 de xaneiro de 1497 os Reis Católicos confirman en Burgos a carta puebla fundacional de Monterreal, estatuto básico para establecer a nova poboación como a referencia administrativa, económica e comercial na extensa área da diocese de Tui. A continuación estableceríanse as pautas de organización. Dar a orde de celebrar un mercado na praza de Monterreal, anulando o existente na Villa Vieja. O que os Reis Católicos pretendían era, acoutar dentro da muralla todas aquelas formas económicas existentes fóra da mesma, para dar forza á recentemente creada poboación dentro do recinto fortificado. Medida que iría en prexuízo dos intereses dos mercaderes e da poboación que non tivera casa dentro do recinto amurallado. Estas novas normas para o comercio nunca gozaron dos intereses dos veciños e mercaderes por atoparse nunha zona acoutada e a excesiva carga de impostos ademais de ser inaxeitada polo seu mal acceso. Ante esta situación, sen contar xamais coa aprobación Real, os mercaderes buscáronse establecer nun lugar máis vantaxoso e seguro para os seus negocios, alontanándose da Vila. Súpeto, o actual emprazamento do mercado, sería o lugar máis sólido e seguro para levar a cabo as súas mercadorías.

Anuncios