Anuncios
Ticker de novas

O Club Ciclista Rías Baixas plasmou o seu estilo ofensivo na Volta a Coruña

FOTO: CLUB CICLISTA RÍAS BAIXAS

De principio a fin o Club Ciclista Rías Baixas plasmou sobre o asfalto o seu estilo ofensivo na Volta Ciclista á Provincia da Coruña e acabou obtendo a recompensa do quinto posto na xeral de Jesús Nanclares. O corredor berciano da entidade presidida por José Luis Chamorro cruzou a liña de meta en solitario a 1 minuto e 47 segundos do terceto que se xogou a carreira tras a ascensión de 1ª categoría ao porto da Garita da Herbeira. Aydar Zakarin (Lokosphinx) gañou a etapa e Martín Lestido (Supermercados Froiz) adxudicouse a volta.

Os 136 quilómetros con saída e chegada en Ortigueira arrancaron con Kevin Suárez (Gomur – Liébana) vestido de líder e 60 corredores a 2″. Un deles era Jon Ander Tomei. O coruñés do Club Ciclista Rías Baixas estivo moi activo na rolda da súa provincia e nesta terceira e definitiva xornada participou na primeira escapada. Coroou en segunda posición o alto de Felgosas (km 18, 3ª categoría) e a continuación foi absorvido polo pelotón xunto aos seus tres compañeiro de fuga.

Lois Rodríguez pasou terceiro por meta volante de Pedroso (km 35) e os pupilos que dirixe Marcos Serrano non deixaron de tentar dinamitar a carreira. Diego Tirilonte moveuse á altura do km 55 en compañía de Javier Sardá (Ciudad de Oviedo). Chegaron a obter unha vantaxe de 45″ e o grupo principal neutralizounos nas ramplas do segundo ascenso a Felgosas (km 71), nesta ocasión de 2ª categoría.

A etapa e a volta decidíronse no porto máis dura desta rolda, a Garita de Herbeira (1ª) categoría. Lestido marchouse por diante e no descenso uníronselle Zakarin e Adrián Trujillo (GSport). Na súa persecución formouse un grupo de 30 unidades, ao que Nanclares adiantouse en 8″ segundos na liña de meta. O seu quinto posto na xornada tamén o situou quinto na xeral, unha clasificación na que Tirilonte terminou 47º, Tomei 63º, Rodrigo Enríquez 70º e Raúl González 96º.

Anuncios