Baiona ultima a rehabilitación da Biblioteca para crear o maior Arquivo Histórico da comarca

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ

Baiona contará este mesmo ano co maior Arquivo Histórico da comarca e un dos máis importantes de Galicia grazas á rehabilitación do edificio Sancti Spiritus que alberga a Biblioteca Municipal que xa estaba instalada nesta emblemática construción do século XVII.

“Estamos ante un proxecto excepcional, no que intentamos facer a menor intervención posible respectando a historia do edificio para lograr as maiores prestacións posibles”. Así definiu o arquitecto Óscar López Alba, gañador do concurso de ideas convocado polo Concello de Baiona, a reforma do edificio Hospital Sancti Spiritus, da Magdalena e da Caridade.

O alcalde, Ángel Rodal; a concelleira de Cultura, María Iglesias; a concelleira de Infraestruturas, Ana Simóns; o concelleiro de Accesibilidade, Policarpo Vilar; a concelleira de Educación, Carmen Paredes, e a directora do Arquivo Histórico e Biblioteca de Baiona, Cristina Vilar, asistiron este martes, xunto aos concelleiros Rafael Lores e Silvano Montes e veciños da Vila, a unha visita guiada ás obras das novas instalacións que xa se atopan na derradeira fase.

“Neste espazo conxúganse unha xoia patrimonial cunha xoia cultural, este era o noso principal obxectivo que poderá ver a luz moi pronto”, apuntou Ángel Rodal.

Da man do arquitecto e de responsables da obra, os asistentes percorreron o edificio no que nacerá o novo Arquivo Histórico e Biblioteca de Baiona e que dará cabida tamén a espazos multiusos para levar a cabo actividades que ata o de agora non se podían realizar por carencia de espazo, como exposicións ou proxeccións de cine. “As nosas prioridades foron crear un espazo agradable, bonito e práctico, o máis accesible e o máis utilizable posible”, explicou Óscar López durante a visita.

Pola súa banda, Cristina Vilar destacou a importancia da iniciativa. “A reforma deste edificio histórico é unha gran nova, posto que Baiona ten un patrimonio documental que está entre os máis importantes de Galicia. Conta con algún documento do século XIV, pero documentación propiamente dita xerada pola actividade municipal dende o ano 1542 ata a actualidade, aínda que no século XVI con moitas lagoas”, sinalou.

O novo Arquivo Histórico permitirá conservar toda a documentación existente dende hai séculos, un patrimonio que reforzado co Fondo Local, unha colección de 220 rexistros que vén a completar esta sección como punto de referencia en estudos locais. Engádeselle outros fondos especiais cos que conta a Biblioteca, como o Fondo Arribada, creado no 2012 para catalizar os estudos vinculados con Baiona e o Descubrimento. As novas instalacións darán un mellor condicionamento para custodiar a sección do patrimonio bibliográfico que tamén foi creado no 2012 con dúas coleccións, Biblioteca Ángel Bedriñana e a colección das publicacións históricas coas que conta o fondo total da biblioteca.

Biblioteca Municipal

“A nosa biblioteca está entre as máis utilizadas de Galicia na súa categoría, cos seus 32.200 rexistros xa pode presumir de ter unha colección equilibrada e actualizada”, apuntou a directora.

Mentres duran as obras de rehabilitación, a Biblioteca continuou a súa actividade cun servizo provisional organizado polo propio persoal responsable da biblioteca. Durante este tempo a biblioteca mantivo unha notable actividade. En total, durante o ano pasado a Biblioteca Municipal fixo 8.329 préstamos, tivo 115 novos usuarios, 30.419 visitas, 9.165 conexións a wifi e 934 incorporacións ao catálogo.

Hospital Sancti Spiritus

A historia do Hospital de Sancti Spiritus remóntase ao século XV e a primeira referencia indica que non estaba no mesmo lugar no que se atopa na actualidade, xa que viuse afectado polo derribo no século XVII dos inmobles inmediatos á muralla. “O Hospital estivo neste lugar ata 1645 que foi mandado derrubar para asegurar a defensa da fortaleza. Tras este primeiro derribo prodúcese un primeiro traslado ao lugar de Cortinas, ao fondo do Convento das Dominicas, solución que non resultou efectiva, xa que en 1653, o edificio ameazaba ruína”, apunta a directora. O Hospital se encontra nunha situación de desamparo dos pobres e enfermos que eran atendidos nesta institución. Ante esta situación adquírese a Doña Grimaresa Pereira de Castro unha casa con finca noutro lugar, que sería o seu actual emprazamento na rúa Costanilla, hoxe Manuel Valverde.

O maiordomo do hospital solicita o 7 de agosto de 1671, autorización ao bispo Bernardo de León da Rocha para que dita casa sexa destinada a Hospital. “Este edificio será realizado polo Mestre Domingo Fernández, que faría a parede do frontispicio e a entrada principal. Debeu de ser neste momento cando o traslado do Hospital nas inmediacións da Colexiata, o antigo hospital uniuse ao da Magdalena, e só un ano despois era cedido polos pais de San Juan de Dios, que cedera o seu goberno ao Concello da Vila para que o administrase”, explica Cristina Vilar en base ás referencias de estudosos como Ávila e La Cueva, Ulpiano Nogueira, Ramos, Garrido ou a profesora Fernández Rodríguez.

Anuncios