Uns 15.000 quilos de comida recollidos para o Banco de Alimentos en Vigo e A Ramallosa

FOTO: BANCO DE ALIMENTOS DE VIGO // Voluntarias no Gadis da Ramallosa.

A Fundación Provincial Banco de Alimentos de Vigo recolleu uns 15.000 quilos de comida en Vigo e A Ramallosa, dentro da campaña #MayoSolidario promovido pola cadea de supermercados Gadis.

A recollida de comida, na que participaron máis de 200 voluntarios da ONG, levouse a cabo o venres, e o sábado, 19 e 20 de maio, nunha ducia de supermercados Gadis situados en Vigo e na Ramallosa. En cada un deles, persoal do Banco de Alimentos, perfectamente identificados, facilitaron todas as doazóns da cidadanía.

Gadis repite por quinto ano consecutivo a campaña #MayoSolidario no marco do seu programa de responsabilidade social corporativa e desde a entidade agradécese publicamente a súa implicación a favor das persoas con dificultades.

Ao mesmo tempo que en Vigo e A Ramallosa, esta Operación Quilo celebrouse tamén en distintos establecementos de Pontevedra e Marín, onde o Banco de Alimentos recolleu uns 4.000 quilos de produtos básicos. Así mesmo, houbo recollidas de alimentos simultáneas en Gadis doutras localidades de Galicia e Castela e León.

Chamamento de voluntarios

O Banco de Alimentos de Vigo segue necesitando voluntarios ante o incremento de quilos de comida que se reparten diariamente. Precisamente, responsables da ONG deseñaron un calendario de Operacións Quilo máis amplo do habitual, despois de comprobar como os colectivos sociais demandan un maior número de produtos básicos para as persoas con dificultades.

Para ser voluntario da Fundación Provincial Banco de Alimentos de Vigo só hai que darse de alta a través da web (http://www.bancoalimentosvigo.org/formulario/) ou chamar polas mañás ao 986 263022 (Vigo)/986 865301 (Pontevedra).

A Fundación Provincial Banco de Alimentos de Vigo repartiu en 2016 máis de 2 millóns de quilos de comida (2.108.608 quilos), o que supón un 25 por cento máis que durante 2015, cando foron preto de 1,7 millóns de quilos os entregados aos colectivos sociais. A través destas entidades benéficas, a ONG chega a unhas 25.000 persoas con dificultades na provincia de Pontevedra.