Segunda xornada ao ataque do Club Ciclista Rías Baixas na Volta a Coruña

FOTO: CLUB CICLISTA RÍAS BAIXAS // Diego Tirilonte.

O Club Ciclista Rías Baixas volveu ser un dos equipos máis combativos na segunda etapa da Volta Ciclista á Provincia da Coruña, que novamente se decidiu ao sprint. Diego Tirilonte ocupou a décima posición na liña de meta de Carballo e na xeral ascendeu ata a sétima posición. Jon Ander Tomei e Jesús Nanclares son os outros dous representantes da entidade presidida por José Luis Chamorro que chegan á última xornada clasificados a 2 segundos do líder Kevin Suárez (Gomur – Liébana).

O coruñés e o berciano formaron parte dun sexteto que rodou fuxido na primeira metade dos 135 quilómetros con saída e chegada en Carballo. A diferenza deste grupo achegouse ao minuto e Tomei pasou segundo pola meta volante de Dumbría (km 55).

Tras ser neutralizada esta escapada, os corredores dirixidos por Marcos Serrano tentaron formar un abanico no ecuador da xornada. Ese ataque en bloque foi o preludio da ruptura do pelotón.

Tirilonte, Tomei e Nanclares entraron no grupo dianteiro de 50 unidades, ao que se incorporaron 20 ciclistas máis despois de coroar o terceiro e último porto, todos eles de terceira. O cántabro da estrutura miñorana tentou evitar o desenlace ao sprint. Saltou xunto a Llaneza (Kuota) e Areas (Gsport) a falta de 10 quilómetros e antes da pancarta de 2 km foron absorvidos.

O uruguaio Matías Presa (Kuota) impúxose nunha chegada de foto finish a Leonel Coutinho (Supermercados Froiz). Co mesmo tempo que o gañador entraron Tirilonte (10º), Tomei (38º) e Nanclares (53º). No segundo grupo, a 1:42, acabaron Lois Rodríguez e Rodrigo Enríquez, mentres que a 12:10 fixérono Raúl González e Diego González, lastrados por dúas picadas que sufriu o equipo nada máis darse a saída. O coruñés subiu ao podio para recibir o premio como faroliño vermello do día.

Na xeral, Suárez ten 2″ de vantaxe sobre 60 ciclistas. Tirilonte é sétimo, antes de que este domingo resólvase a volta na etapa reina, Ortigueira-Ortigueira de 136 quilómetros.

Subiranse tres altos de montaña e a súa esixencia irá en aumento. O primeiro será Felgosas (km 18), de 3ª, leste mesmo porto ascenderase por outra cara no km 71 sendo de 2ª categoría e por último estará a subida máis dura da rolda. A Garita da Herbeira, de 1ª categoría e co seu cume a 30 quilómetros para o final, exercerá de previsible xuíz. A saída darase ás 10:30 horas e a chegada está prevista a partir das 13:40.