A Deputación adxudica o contrato para a execución do programa “Conectadas 2017”

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra vén de adxudicar o contrato para a execución dunha nova edición do programa “Conectadas 2017”. Así o sinalou hoxe a Presidenta da institución provincial, Carmela Silva, que sinalou que “este ano destinamos 324.000 euros a este programa e temos previsto superar as máis de 300 accións formativas que se organizaron no exercicio de 2016”.A empresa gañadora do procedemento aberto de contratación é a UTE formada polas empresas Forox Innovación, S.L. e Marexada, Deporte, Lecer e Cultura, S.L.

Carmela Silva lembrou que “Conectadas 2017” é un programa que ten por finalidade “mellorar a formación básica das mulleres para favorecer as súas relacións interpersoais, o intercambio de experiencias” ademais de “contribuír á mellora da súa empregabilidade e mantemento no mercado de traballo” e “reducir a súa brecha dixital mediante a formación nas novas tecnoloxías”. A través desta acción, promovida polo servizo de Igualdade da Deputación de Pontevedra, “queremos potenciar a participación e a promoción das mulleres e tamén así favorecer a súa posición na sociedade, onde as mulleres somos o 52%”, dixo Carmela Silva, “dentro da liña de promoción á Igualdade, que é un dos obxectivos prioritarios deste Goberno da Deputación”, engadiu a Presidenta provincial.

O programa está destinado ás asociacións, federacións e fundacións sen ánimo de lucro que teñan como obxectivo e ámbito de actuación a promoción das mulleres, que apoien o seu desenvolvemento e empoderamento, ao igual que o seu tecido asociativo e a paulatina consecución do obxectivo da igualdade entre mulleres e homes. Cada unha das asociacións poderá desenvolver unha única acción formativa que suman un total de 47 obradoiros distribuídos entre oito bloques temáticos: “Muller emprende” (emprendemento), “Muller e cultura” (dedicado ás artes visuais), “Actualízate” (alfabetización dixital), “Coas túas mans” (traballos manuais), “Porque ti o fas” (xardinería e ornamentación floral), “Súmate ao cambio” (cociña, costura, coidados e dependencia, corresponsabilidade, reciclaxe, bricolaxe…), “Ponte en forma” (deportes) e “Coidados persoais”