Anuncios
Ticker de novas

O “Cruceiro do acordo” loce de novo en Mañufe

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ // O cruceiro de Mañufe, de novo so seu emprazamento.

O Cruceiro de Mañufe volveu este venres ao seu emprazamento tras ser restaurado despois de sufrir o impacto dun vehículo en novembro de 2015. O capitel, moi labrado, e a cruz de sección cuadrangular cunha talla de Cristo no anverso, de gran tamaño, e unha talla da Dolorosa no reverso, resultaron danados tras caer ao asfalto.

O pasado mes de febreiro, o Concello de Gondomar encargou os traballos de reconstrución ao conservador-resturador Gonzalo Buceta, cun custo de 11.000 euros, que serán asumidos polo seguro do condutor responsable das desfeitas.

Así, tras 18 meses e un delicado proceso de restauración, o coñecido tamén como “Cruceiro do lugar do acordo” foi trasladado de novo ao lugar da Texosa, ante a negativa da Xunta de Galicia de construír no cruzamento da estrada PO-340, que une Gondomar e A Ramallosa, unha rotonda na que recolocalo, tal e como solicitou o alcalde, Paco Ferreira.

O cruceiro atópase sobre unha base cúbica que serve de sustento a un peto de ánimas, de caste semiaberta, adosado ao cruceiro, e que xa fora restaurado tras ser derrubado noutro accidente de tráfico. O seu retablo é de pedra policromada, unha reixa de ferro protexía as figuras (a representación do Purgatorio cubría toda a fornela) e o caixón das esmolas. En dúas filas preséntanse dúas almiñas na superior e tres na inferior. Nun medallón existente arriba do fornelo pódese ler: “Hermano que vas pasando mira que penando estamos, para alivio nuestro vuestra limosna esperamos”. O fuste ten unha serpe e unha mazá, en alusión ao pecado orixinal. Capitel moi labrado. A cruz é de sección cuadrangular.

O cruceiro sitúase no lugar onde os representantes comarcais facían os tratos veciñais e resolvíanos conflitos derivados dos lindes de propiedades entre os séculos XVI e XVIII, de aí o seu nome. Forma parte do Camiño Real, cara a Compostela, por Gondomar.

Anuncios