Anuncios
Ticker de novas

O CB Nigrán organiza o seu primeiro torneo interescolar

FOTO: CB NIGRÁN

O Club Baloncesto Nigrán cumpre outro dos obxectivos que se propuxo fai tres anos cando a actual directiva tomou as rendas do club, organizar o Colebasket, un torneo interescolar de baloncesto no que participarán nenos e nenas dos diferentes colexios de Nigrán.

A cita terá lugar o sábado día 10 de xuño e se levará a cabo no Pavillón Municipal de Panxón, se as obras xa finalizasen nesa data, e en caso contrario, no Pavillón do CPI de Panxón, onde se habilitarán tres pistas para o desenvolvemento do Torneo.

Desde a dirección deportiva do CB Nigrán xa están a traballar coas direccións dos centros educativos así como cos profesores especialistas de educación física para que dinamicen as inscricións e poidan participar así nenos e nenas en idade escolar dos centros educativos Carlos Casares, Cruz Camos, Humberto Juanes, Mallón, Panxón e Dunas, a totalidade dos colexios de Nigrán.

A inscrición está aberta a todos os alumnos e alumnas independentemente de que xoguen ou non ao baloncesto.

Os responsables de arbitrar os diferentes encontros serán os xogadores e xogadoras das categorías superiores do CB Nigrán.

Desde a directiva do club queren agradecer aos responsables dos diferentes centros educativos todo o apoio recibido na organización desta primeira edición do Colebasket.

Anuncios