Anuncios
Ticker de novas

Nigrán abre o prazo de solicitude de autorización para facer fogueiras en San Xoán

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ // Fogueira de San Xoán en Panxón.

O Concello de Nigrán abre o prazo ata o 9 de xuño inclusive para solicitar autorización para facer unha fogueira en San Xoán. As persoas físicas ou xurídicas deben dirixirse ao Rexistro Xeral do Concello, onde farán constar na solicitude o lugar elixido para facela, así como nome e datos dos responsables da mesma (os solicitantes serán responsables dos danos que puideran ocasionar a terceiros).

O Concello de Nigrán vén de ditar un bando onde fai constar todos os aspectos que se deben ter en conta á hora de confeccionar a fogueira. Este inclúe as seguintes directrices:

-O material inflamable da fogueira deberá estar amontoado con un día de antelación á súa queima, para poder levar a cabo a súa revisión.

-O volume do material combustible da fogueira non superará os 5 metros de diámetro nin os 3 metros de altura.

-A separación entre as fogueiras e os edificios, árbores e demais obxectos que poidan resultar danados, será como mínimo de 12 metros. Porase especial coidado de non situalas baixo tendidos eléctricos ou telefónicos, así como que nos arredores non haxa almacenados produtos inflamables nin zonas forestais.

– Prohíbese a queima de pneumáticos, plásticos, aceites, etc., e en xeral calquera outra substancia que desprenda fumes tóxicos; así mesmo coidarase de non botar ao lume recipientes que conteñan líquidos inflamables ou gases a presión (sprays) aínda que estean baleiros.

– Ao finalizar a fogueira e, antes de abandonar o lugar desta, os/as responsables da organización coidarán que as cinzas queden totalmente apagadas.

Anuncios