Anuncios
Ticker de novas

O IES Terra de Turonio celebra as Letras Galegas cociñando con Casares e cun concerto de Xurxo Antúnez

FOTO: IES TERRA DE TURONIO // Xurxo en Radio Turonio.

O IES Terra de Turonio de Gondomar celebra a semana das Letras Galegas con diferentes actividades que terán este venres 19 o seu cume coa celebración dun concurso de cociña relacionada coa presenza desta temática na obra de Carlos Casares e cun concerto didáctico do ex-alumno do centro Xurxo Antúnez no Auditorio Lois Tobío de Gondomar a partir das 12.30 horas.

COCIÑANDO CON CARLOS CASARES

O alumnado do instituto realizará no centro diversos pratos de cociña a partir da lectura da obra de Carlos Casares e das referencias á gastronomía e á cociña galega. O profesor Nacho Pérez, escritor, no seu blog “COMO, LOGO EXISTO” recolleu as alusións e escritos de Casares na obra Ilustrísima e nos diferentes artigos periodísticos.

A actividade pretende poñer en valor a cociña galega e ao mesmo tempo relacionala coa literatura.

CONCERTO DIDÁCTICO DE XURXO ANTÚNEZ, “O TERRIBLE”

No auditorio Lois Tobío de Gondomar, a comunidade educativa do centro asistirá a un concerto do ex-alumno Xurxo Antúnez e unha banda de compoñentes de diversas parroquias de Gondomar, incluídos alumnos e alumnas.

Xurxo Antúnez é descendente do grupo de música tradicional Os Terribles de Donas formado entre familias procedentes de Paredes de Coura e de Gondomar. Aprendeu a tocar a gaita co seu pai que conservaba na memoria as melodías do grupo (desaparecido entre 1964 e 2004) que serían recuperadas para o primeiro disco do grupo “Abrollido” editado no ano 2009.

Xurxo Antúnez desprega unha importante actividade de ensino e transmisión do patrimonio oral galego-portugués impartindo clases de música e canto tradicional en diversas asociacións e entidades do sur de Pontevedra.

Formou parte da orquestra folk Sondeseu na que recibiu formación a cargo de Xaquín Xesteira, do grupo Xistra de Coruxo, de Os Terribles de Donas e actualmente ten a súa propia formación, o grupo TRADISON.

Ten promovido a creación de diferentes agrupacións como Airiños novos de Pinzás (Tomiño ) ou Feixe de sons de Nigrán. Unha mostra do seu labor como “transmisor” da cultura popular pódese ver no vídeo ”O buraco dos mouros”: https://youtu.be/BxiETbLSA4s.

Nesta semana das Letras, gravou unha entrevista en Radio Turonio (a radio do instituto) que foi divulgada nas redes sociais e que se pode escoitar e ver en: https://youtu.be/T71hWhe_CQ8

Anuncios