A selección de Lugo levou o Campionato Galego celebrado en Baiona

FOTO: BAÍÑA FS // A selección de Lugo coa Copa de Campión.

O Campionato disputado onte en Baiona deixounos grandes partidos de futsal e un gran éxito de público, xa que moita xente desprazouse á Real Vila para presenciar os distintos encontros.

A igualdade foi a tónica que predominou no torneo. Nun dos grupos o finalista tívose que decidir por goles xa que os enfrontamentos entre os combinados de Pontevedra, Santiago e Ourense acabaron en empates. No outro grupo, composto polas seleccións de Lugo, Vigo e A Coruña, os primeiros partidos acabaron tamén en táboas, e só Lugo sería quen de vencer A Coruña nos instantes finais.

Na fase final A Coruña lograba o 5º posto ao impoñerse a Ourense, Santiago nos penaltis lograba o 3º posto ante Vigo, e na gran final o combinado de Lugo lograba vencer a Pontevedra e levar o Campionato. Adrían Campello, xogador do combinado lucense, sería destacado pola organización como o mellor xogador do torneo.

Destacar a gran deportividade e o comportamento exemplar de todas as seleccións e a presenza na final do xogador galego de primeira división Juan Puertas, que se achegou a Baiona para presenciar varios partidos do torneo.

A entrega de trofeos fíxose coa presenza do Alcalde de Baiona Ángel Rodal, a concelleira de Deportes, María Jesús Martíns, e os responsables da Federación Galega, Juan Probados e Javier Cossio.

O club organizador, Baíña Fútbol Sala, quere agradecer a todas as persoas que se achegaron a Baiona a presenciar este Campionato. O obxectivo era o seguir coa promoción deste deporte en Baiona e todo o Val Miñor e para iso seguirán traballando como os últimos anos.

AS SELECCIÓNS FINALISTAS XUNTO CON JUAN PUERTAS
FOTO: BAÍÑA FS // As seleccións finalistas xunto con Juan Puertas.