Sin categoría

O PP de Baiona propón poñer ao dispor de refuxiados ucraínos as vivendas sociais de Sabarís

O PP de Baiona, preocupado pola grave situación que vive Ucraína tras a invasión do país por parte de Rusia e polos miles de cidadáns que se viron obrigados a saír do país abandonando as súas propiedades, expón ao goberno local que poña ao dispor dos refuxiados as dúas vivendas baleiras de propiedade municipal situadas na parroquia de Santa Cristina da Ramallosa. Para os populares, estes dous pisos, destinados a Emerxencia Social, supoñerían temporalmente un respiro para, polo menos, dúas familias e “unha oportunidade” de axudar a quen vive unha situación desesperada.

“Aínda que na ordenanza municipal aprobada hai un ano os hóspedes destas dúas vivendas debían asumir o custo dos gastos derivados da luz ou a auga, nesta ocasión, dada a excepcionalidade, sería o Concello quen correse con estes pagos tamén dunha forma temporal ata que se reconduza a situación bélica. Ademais da formalización do convenio que o goberno local subscribiu coa Fegamp nos últimos días para prestar axuda humanitaria a familias ucraínas, desde Baiona pódese arroupar aínda máis aos refuxiados sen que iso supoña unha importante carga económica para as arcas públicas municipais”, consideran desde o PP.

Xa hai outros concellos que puxeron ao dispor da poboación ucraína aloxamentos da súa competencia. O pasado venres a Xunta comunicou ao Goberno central que a comunidade dispoñía de 1000 prazas, 281 delas procedentes dos consistorios.