
O Salón de Actos do Centro Cultural e Social de Baíña acolle este mércores día 17 de maio de 10:30 a 19:00 horas a exposición fotográfica “Un mar de mulleres”, e ás 20:30 horas a proxección do documental co mesmo título.
“Un mar de mulleres” consiste nunha exposición fotográfica, un vídeo e un pequeno libriño, promovido polo Grupo de Acción Costeira Ría de Vigo-A Guarda e co que se quería poñer en valor o traballo das mulleres no mar.
Cada día avanza nas nosas costas un mar de mulleres que impulsan a pervivencia e continuidade do sector produtor mariño. A exposición “Un mar de mulleres” é un proxecto de divulgación que visibiliza a situación da muller no ámbito laboral do mar nas costas da ría de Aldán, Vigo e Baixo Miño (ámbito do GAC 7). Mariscadoras a pé do mar ou dende as cubertas das embarcacións, percebeiras, redeiras, bateeiras, lonxeiras, etc. cóntannos a súa historia a través da cámara de Paula Pérez, cuxo resultado podemos apreciar a través desta exposición fotográfica.
Homenaxe a Carlos Casares
No Día das Letras Galegas, o Centro Cultural e Social de Baíña homenaxeará a Carlos Casares cun concerto dos seus alumnos de guitarra, canto e pandeireta e gaita e percusión. Será ás 19:00 horas.