Aberta ao tráfico a rúa Cidade de Vigo

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ

Os vehículos xa poden circular de novo pola céntrica rúa Cidade de Vigo de Baiona tras o asfaltado da calzada. Finalizan así os traballos de humanización que comezaron o pasado mes de novembro, e que se realizaron desde a rúa Carabela Pinta ata a súa conexión coa Avda. Ramón y Cajal.

O orzamento da execución das obras ascende a 616.606 euros, pero o custo non supoñerá ningún gasto a maiores para o Concello ao estar asumido pola nova empresa adxudicataria do servizo de abastecemento da auga, Gestagua.

As obras incluíron a renovación de redes de abastecemento e acometidas domiciliarias, renovación da rede de abastecemento do Parador de Turismo; instalación de rede de pluviais e de acometidas a edificios e sumidoiros; renovación da rede de iluminación pública, pasando a instalar iluminación led; renovación e ampliación das redes de electricidade de Fenosa; instalación de rega e xardinería; adecuación das instalacións de telecomunicacións e gas; colocación de equipamento e mobiliario urbano; repavimentación da rúa e sinalización.

Con esta actuación Baiona suma outros 2.044 m2 humanizados aos que posteriormente haberá que engadir o das rúas Laureano Salgado -onde comezarán as obras en breve- e Marqués de Quintanar.