Anuncios
Ticker de novas

Baiona e Pornic estreitan lazos no 20 aniversario do seu irmandamento

FOTO: CONCELLO DE BAIONA // Ángel Rodal e Jean Michel Brard firman a ratificación do irmandamento en Pornic.

Baiona e a localidade francesa de Pornic deron a pasada fin de semana un paso máis para estreitar os seus lazos coa firma que ratifica o irmandamento acordado hai dúas décadas entre ambas as dúas vilas. O rexedor baionés, Ángel Rodal, acudiu á rexión da Bretaña invitado polo seu homólogo, Jean Michel Brard, para participar nos actos conmemorativos do 20 aniversario.

“Nos últimos 20 anos os gobernos de Pornic e Baiona logramos promover intercambios en materia cultural, turística, deportiva, medioambiental e de educación. Este irmandamento naceu co desexo de compartir, intercambiar, apoiar e, como non, desenvolver actividades de forma conxunta para que os cidadáns tivesen a oportunidade de establecer vínculos de amizade”, sinalou Rodal durante o seu discurso en Pornic.

Durante a fin de semana tamén se celebraron diferentes actividades nas que participaron as bandas de música de Baiona e de Pornic nas rúas da localidade gala. Ademais, organizouse unha exposición co motivo do aniversario.

Baiona está irmandada dende 1997 con Pornic, localidade da Bretaña francesa de características similares á Real Vila, polo que son habituais os intercambios culturais, deportivos e educativos. En materia náutica celébrase a regata de vela que une os dous municipios.

O pasado mes de febreiro, días antes da celebración da Festa da Arribada, unha delegación de Pornic acudiu a Baiona e agasallou ao Concello un cadro da localidade bretona en conmemoración do vixésimo aniversario do seu irmandamento.

Anuncios