Baiona ofrece un “village” durante a fin de semana con motivo das Super Series

Que Baiona ten mar non é ningunha novidade. E que cada vez vive menos de costas ao mar, tampouco. A partir de hoxe a Vila terá unha nova oportunidade de estreitar esa complicidade da mellor maneira posible, de forma lúdica. O Parque da Palma será o escenario desde hoxe e ata o domingo do village público da Baiona Sailing Week. Un espazo -onde se poderá seguir a competición por unha pantalla xigante- apto para entendidos e profanos que o Concello de Baiona instalou para o desfrute de todos os veciños da regata.

O Village tamén servirá de escaparate para empresas locais e para o propio Concello de Baiona, que ofrecerá información turística para a promoción da localidade. O horario de atención ao público será de 12:00 a 22:00 horas.

A apertura de portas tivo lugar esta mañá e deu paso ao acto de inauguración do espazo, no que participaron o Alcalde de Baiona, Carlos Gómez Parado, o presidente de ACEBA, Marcos Comesaña, o Xerente de ACEBA, Carlos Fernández, o Vicepresidente do Monte Real Club de Yates, Alejandro Retolaza, Enrique Núñez, Secretario Xeral da Federación de Comercio e Turismo de Pontevedra, así como os empresarios e empresarias locais participantes e representantes de distintas asociacións da Vila.

O espazo acolle este mesmo venres de 15:30 a 16:00 horas un programa de radio en directo no que participarán o Alcalde, Carlos Gómez Prado, o Presidente do Monte Real Club de Yates, José Luis Álvarez, e o Presidente da Asociación de Comerciantes e Empresarios de Baiona, Marcos Comesaña, no que se abordará a regata e o impacto que a súa celebración supón para o municipio de Baiona.

“Haberá animación todos os días, actividades nas que tamén participarán deportistas, os veciños de Baiona e da zona, unha forma lúdica de vivir unha regata”, sinala o rexedor, Carlos Gómez Prado.

A última hora da tarde, ás 21:00 horas de hoxe venres e mañá sábado, a Praza do Concello acollerá o concerto de “Blue Monk” e de “Vilar People”, respectivamente. O domingo 28, en sesión vermú ás 12:30 horas, o concerto de “Los del Barro”.

Entre as empresas participantes atópanse: Somos Océano, Naútica Estelas, Chalana by Batela, Aceites Abril, 4Eco Val Miñor, Xarkwetsuits, Bico de Xeado Freshcut, Nor-Ibérica de Bebidas, Bodega Paco & Lola, Luis Escurís Batalla, Naviera Nabia, Universidade Vigo, Atlántica de Sistemas contra Incendios Fireoff e Estrella Galicia.