Gondomar clausura o curso de portugués dirixido á xuventude

FOTO: CONCELLO DE GONDOMAR

Este venres clausurouse o curso de portugués organizado pola Concellería de Xuventude do Concello de Gondomar. Paco Ferreira e Nuria Lameiro fixeron entrega dos diplomas aos 15 mozos e mozas participantes.

Con este curso, de 80 horas, a Concellería de Xuventude comezou a programación formativa do 2017. A formación, totalmente gratuíta, desenvolveuse desde o pasado mes de marzo en horario de 10:00 a 13:00 horas, de luns a venres, na Casa da Cultura.

O portugués é o quinto idioma máis falado e estase convertendo nun idioma emerxente a nivel laboral, é moi parecido ao galego debido á nosa proximidade xeográfica, e cada día son máis as demandas por parte de empresas de xente con coñecemento da lingua portuguesa.

Tendo en conta todo isto, a Concellería de Xuventude puxo en marcha este curso dirixido prioritariamente a mozos e mozas de entre 16 e 35 anos, do Concello de Gondomar e desempregados, tentando garantir a máxima de que a mocidade do municipio teña un currículo diferenciador.