O Concello de Nigrán prevé responder ás alegacións e presentar o PXOM nas parroquias a finais de ano

FOTO: CONCELLO DE NIGRÁN // Consello Sectorial do Plan Xeral de Ordenación Urbana (PXOM).

O salón de plenos do Concello de Nigrán acolleu onte unha nova cita do Consello Sectorial do Plan Xeral de Ordenación Urbana (PXOM), órgano reactivado polo goberno socialista de Nigrán en 2015 tras máis de tres anos sen ser convocado. Á cita acudiron portavoces dos diferentes partidos políticos e as preto de trinta entidades veciñais, culturais, deportivas ou comunidades de montes do municipio xunto co alcalde, Juan González e o equipo de goberno. Todos eles escoitaron as explicacións do estado actual do documento da man de responsables da empresa redactora Eptisa, aos que os asistentes formularon as súas dúbidas sobre a tramitación do PXOM. O obxectivo desta cita, en palabras do rexedor, “era informar de primeira man dos últimos avances acadados de cara a súa aprobación, xa que é un asunto clave para o futuro do municipio no que se busca consenso absoluto, transparencia e participación. Non é un documento de goberno, é un documento de toda a corporación», insistiu.

O Concello de Nigrán deu a finais de abril un paso máis de cara a aprobar o Plan Xeral de Ordenación Municipal tras ter concluído o estudo de prospección arqueolóxica que permitirá responder en xullo ao requirimento sectorial pendente de Patrimonio. Así, o obxectivo é que, tras corrixir os informes sectoriais desfavorables, se envíe o documento á Xunta para a súa avaliación ambiental, para o que ten un prazo de tres meses para contestar. Seguidamente, durante este período que o organismo autonómico tramita o informe, o Concello exporá o PXOM en cada unha das parroquias co fin de que os veciños o coñezan de primeira man antes de levalo ao Pleno para a súa aprobación provisional e contestará todas as alegacións presentadas de xeito individual. A previsión é que poda levarse a pleno entre finais do 2017 e principios de 2018.

«A aprobación do PXOM é unha prioridade, levamos todo este mandato traballando arreo toda a corporación e técnicos para que sexa unha realidade porque é un asunto clave para o futuro do municipio. Ante todo buscamos transparencia, consenso absoluto e participación, por iso queremos informar de primeira man aos veciños do estado actual do PXOM”, insiste González.

O gran avance no PXOM prodúcese despois de ter concluído o estudo de prospección arqueolóxica, requisito indispensable que se esixía dende Patrimonio. Este estudo, levado adiante pola empresa DOA, revelou importantes achados prehistóricos na comarca, especialmente petróglifos que estaban sen documentar, polo que permitirá darlles a máxima protección urbanística. En total, os arqueólogos analizaron 170 elementos en todo o municipio, seleccionando 146 para ser catalogados. Entre estes últimos destacan 10 xacementos de petróglifos dos que non se tiña constancia ata agora.