17 establecementos de Gondomar participan na 5ª Festa da Empanada

FOTO: OVALMI

A Asociación de Empresarios e Comerciantes do Val Miñor (OVALMI), en colaboración coa Concellería de Comercio do Concello de Gondomar, organiza do 12 ao 17 de maio a 5ª edición da Festa da Empanada.

Foi presentada este venres nun acto no que estiveron presentes José Luis Froiz Espiño, presidente de OVALMI, José Ángel González Goce, vicepresidente de OVALMI, Xosé Antón Arauxo, concelleiro de Comercio e Turismo do Concello de Gondomar e Esther Lorenzo, representante da hostalería en Gondomar e participante nesta edición.

Este ano, 17 establecementos hostaleiros de Gondomar, que enxalzan esta delicia culinaria tan arraigada na tradición de Galicia, ofrecerán un percorrido gastronómico no que poderemos degustar diferentes especialidades de empanada, doces, tradicionais e innovadoras, a un prezo por ración de 2,50 euros.

As persoas que se acheguen a probar estas deliciosas receitas poderán votar e elixir a “Mellor Empanada 2017”, a través das papeletas que se poderán atopar en todos os establecementos participantes e as cales deberán ser depositadas, unha vez cubertas correctamente, nas urnas dispostas para tal efecto.

Ademais, en colaboración co Balneario Talaso Atlántico, premiarase aos votantes.

Os establecementos participantes son Cafetería Keik, Restaurante Pazo da Escola, Restaurante la Vitrola, Bar Gondomar, Tu Pana Tu Café, Bar Couso, Tapería A Galiña do Ardora, Cafetería Alameda, Cervecería Yantar, Rañolas Café, Café Bar Estanco, Tapería Adechape, La Esquina del Gourmet, Tapería Ágora, Lalo’s Gondomar, Bar Tropicana e Hamburguesería Plaza.