Anuncios
Ticker de novas

Gondomar, Baiona e Nigrán organizan a XXVIII Festa da Bicicleta

FOTO: PEPE COSTAS

Os tres Concellos do Val Miñor organizan un ano máis o vindeiro mércores 17 de maio a Festa da Bicicleta, que alcanza nesta edición o seu XXVIII Aniversario e que consegue ano tras ano o traballo conxunto dos servizos de deportes de Gondomar, Baiona e Nigrán, e as súas respectivas policías locais.

Os primeiros en saír serán os participantes de Gondomar, ás 10:30 da mañá desde a Praza do Concello, para realizar o percorrido ata Baiona, onde recollerán aos ciclistas do municipio ás 11:30 no Parque da Palma. A saída desde Nigrán será tamén ás 11:30 desde o Pavillón de Panxón, para atoparse os pelotóns dos tres municipios na Ramallosa ás 12:00 e comezar o percorrido todos xuntos ata a Praza do Concello de Gondomar.

Poderán participar todas aquelas persoas de máis de 7 anos de idade que teñan unha bicicleta e un casco, de uso obrigatorio. As inscricións e recollida de dorsais faranse o mesmo día da festa 40 minutos antes de dar comezo da actividade. O número de dorsal dará dereito a participar no sorteo final de agasallos.

A festa está organizada e deseñada para todas aquelas persoas que sexan capaces de chegar ao ritmo do pelotón desde os seus diferentes puntos de saída, cada Concello o seu, ata a Praza do Concello de Gondomar e volver, a excepción do Concello de Gondomar, que este ano irá recoller ao Concello de Baiona. Á chegada realizarase un sorteo entre os participantes de material deportivo.

Anuncios