Seis equipos disputarán o Campionato Galego de Seleccións Xuvenís de Fútbol Sala en Baiona

FOTO: CONCELLO DE BAIONA // Presentación do Campionato Galego Xuvenil de Fútbol Sala, este martes en Baiona.

Baiona acollerá o vindeiro 17 de maio a terceira edición do Campionato Galego Xuvenil de Fútbol Sala no que participarán seis seleccións (Lugo, Vigo, Pontevedra, Santiago, Ourense e A Coruña). O torneo foi presentado este martes no Concello de Baiona coa presenza do alcalde, Ángel Rodal; o delegado da Federación, Javier Cosío; o delegado do Comité de Árbitros, Borja Arca, e o vicepresidente do Baíña Fútbol Sala, Santiago Rodríguez, ademais dos directivos Domingo Grandal, Francisco Silva e Daniel Álvarez e a concelleira de Deportes, María Jesús Martins.

O Campionato Galego Xuvenil reunirá ás mellores seleccións de xogadores Sub-18 chegadas a Baiona dende Lugo, Vigo, Pontevedra, Santiago, Ourense e A Coruña. Ángel Rodal valorou a aposta federativa polo municipio despois de que nas dúas edicións anteriores se celebrara o torneo en Santiago, onde gañou Vigo, e en Pazos de Borbén, coa selección de Pontevedra como vencedora.

“É un honor para Baiona acoller a máis de 100 deportistas galegos de primeiro nivel e a elección da nosa Vila como sede do campionato demostra que o fútbol sala está a ter unha gran presenza grazas ao apoio do Concello e ao esforzo do club Baíña”, sinalou o alcalde.

Os partidos disputaranse no Pavillón de Covaterreña, recentemente remodelado. As semifinais serán ao longo da mañá e pola tarde se coñecerá o novo campión galego.

O evento acollerá a preto de 100 deportistas, ademais de adestradores, equipos técnicos e familiares. Os organizadores tamén teñen previsto diferentes actividades para difundir o fútbol sala en Baiona e en toda a comarca. O Baíña Fútbol Sala conta con máis de 100 licencias federativas e este ano foi premiado polo Concello como mellor club do municipio na Gala do Deporte de Baiona.

“Queremos agradecer á Federación Galega que depositara a súa confianza no noso club e a nosa directiva para organizar o campionato. Tamén ao Concello, especialmente á concelleira de Deportes e ao alcalde polo seu apoio nesta iniciativa”, apuntou o vicepresidente do Baíña, Santiago Rodríguez.

Anuncios