A Garda Civil detén a un mozo de Baiona e investiga a un menor por queimar colectores

FOTO: GARDA CIVIL

A Garda Civil detivo a un mozo de 18 anos e investigou a un menor de 16, ambos os dous veciños de Baiona, como supostos autores do incendio intencionado de varios colectores no centro urbano desta localidade.

A investigación levada a cabo por efectivos do Posto Principal da Garda Civil de Baiona-Nigrán, atribúelle a estes dous mozos a autoría do incendio intencionado de oito colectores para a recollida de lixo que estaban situados na rúa Arquitecto Palacios.
O incendio produciuse ás 4:00 horas da madrugada do pasado luns e aínda que non se produciron danos persoais nin houbo necesidade de desaloxar aos veciños que vivían nos edificios próximos, produciu unha especial alarma entre a veciñanza da zona e causou danos de certa consideración na estrutura externa dun dos inmobles.

O valor dos danos materiais denunciados, tanto pola comunidade de veciños do edificio afectado, como polo Concello, que tivo que repoñer os colectores na súa totalidade, superan os 6.300 euros.

Por mor destas investigacións, a Garda Civil puido constatar que estes dous mozos tamén foran os que arroxaran o mes de outubro do ano pasado un petardo no interior do garaxe dunha urbanización situada, tamén, nunha céntrica rúa da localidade, causando danos materiais no chan e unha especial alarma entre os usuarios.

A investigación continúa aberta para o esclarecemento doutros feitos similares labores contra o mobiliario urbano durante as últimas datas e non se descartan novas detencións.