Nigrán recibirá 88.585,29 € para adquirir unha parcela na que construír un almacén municipal

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra aprobou hoxe axudas por valor de preto de 900.000 euros para que oito concellos da provincia poidan levar a cabo proxectos ao abeiro da liña 1 do “Plan Concellos 2017”. A Presidenta da Deputación de Pontevedra sinalou que “a través desta liña, dedicada a investimentos, estamos a permitir que núcleos de poboación da nosa provincia poidan poñer en marcha proxectos e actuacións para dotalos de infraestruturas, en moitas ocasións básicas, e garantir, así, a calidade de vida das súas veciñas e veciños”.

Carmela Silva puxo en valor esta aprobación, que ascende a 894.512,28 €, a través da cal Cambados, Campo Lameiro, Cangas, Cuntis, Nigrán, Oia, Redondela e Ribadumia poderán poñer en marcha proxectos como “humanizacións e acondicionamentos de rúas e camiños municipais, impulsar e optimizar a rede de saneamento, construír almacéns municipais ou mellorar a subministración de electricidade”.

Nigrán recibirá 88.585,29 € para a adquisición dunha parcela na que construír un almacén municipal.

As axudas aprobadas ata a data pola Deputación de Pontevedra dentro da liña 1 do “Plan Concellos 2017” ascenden a un total de 7.796.592,68 €, isto supón un 30,28% do destinado a investimentos. Esta é a liña con maior dotación económica do programa e, cun orzamento de 25.750.000 € (fronte aos 25 millóns de 2016) significa o 62,5 % do total do plan.

O “Plan Concellos 2017” ten asignado para este curso unha dotación de 41,2 millóns de euros, unha partida un 3% maior que a aprobada no ano anterior e que entre as súas tres liñas estratéxicas leva aprobado xa máis de 26 millóns de euros dende xaneiro.