O Concello de Nigrán organiza un novo curso de ofimática para desempregados

O Concello de Nigrán, dentro do seu programa de accións formativas para a veciñanza neste ano 2017, organiza no mes de xuño un curso de Ofimática dirixido prioritariamente a desempregados empadroados no municipio. O obxectivo desta acción, sufragada dende o Concello e polo tanto gratuíta para o alumnado, é ofrecer formación de calidade que amplíe as posibilidades de emprego dos parados do municipio, xa que o coñecemento de ofimática é especialmente demandado polas empresas.

O curso, que se impartirá nas instalacións municipais do Centro Antena (Otero Pedrayo, 52) terá lugar do 1 ao 28 de xuño, de luns a venres, en horario de 10.30 a 13.30, estando aberto o prazo de inscrición dende o luns 8 de maio ao 16 de maio. As persoas interesadas deben presentar a súa solicitude no Rexistro ou na Sede Electrónica Municipal, cubrindo unha instancia e unha ficha que estará a súa disposición na web municipal ou na Casa Consistorial (departamento de Desenvolvemento Local e no Servizo de Atención Cidadá) e achegando copia do DNI, do currículo e a correspondente certificación de inscrición no Servizo Público de Emprego.

Para ampliar esta información, as persoas interesadas poden poñerse en contacto co Centro Antena (teléfono 986366572) ou Departamento de Desenvolvemento Local (986365000), ou a través dos correos centroantena@nigran.org; orlaboral@nigran.org e tle.nigran@nigran.org.

O Concello de Nigrán, como xa viu facendo ao longo do ano, ofrecerá máis accións formativas neste 2017 co obxectivo de aumentar as opcións de empregabilidade da veciñanza.

Anuncios