
A localidade tarraconense de Valls acolle este domingo a penúltima xornada da Copa de España e ata terras catalás o Club Ciclista Rías Baixas desprázase con ganas de reivindicarse. A combatividade mostrada polos representantes da entidade que preside José Luis Chamorro non obtivo nas últimas carreiras a recompensa desexada. Nunha nova cita coa media montaña, os miñoranos queren cambiar esta dinámica.
O seu director deportivo Marcos Serrano apunta que “desde a caída que sufrimos de varios corredores no Memorial Valenciaga, parece que a Copa de España torcéusenos un pouco”. O que non variou foi a actitude do equipo, que o pasado luns volveu participar nas dúas escapadas máis importantes da Santikutz Klasika. “Seguimos estando moi activos e agora o obxectivo principal é recuperar as boas sensacións”, afirma o técnico.
A aliñación para o oitavo capítulo do certame Elite e Sub23 máis prestixioso do calendario español estará composta polos galegos Diego González, Jon Ander Tomei, Rodrigo Enríquez e Raúl González, o berciano Jesús Nanclares, o cántabro Diego Tirilonte e o surafricano Ivan Venter.
A segunda edición da Clàssica Xavier Tondo, que homenaxea a figura do malogrado ciclista catalán do Movistar, presenta un perfil novo respecto ao pasado ano. Os organizadores optaron por endurecer a carreira despois de que na súa estrea resolvésese ao sprint entre un grupo de 90 corredores. Nesta ocasión o percorrido de 166 quilómetros consta de catro subidas puntuables, a última delas será ao Coll de Lilla, coa súa cima a 10 km da meta.
“É un terreo parecido ao de Galicia e farase duro porque na Copa de España hai batalla sen tregua desde o bandeirazo inicial”, valora Serrano. O Club Ciclista Rías Baixas será un dos 28 equipos participantes nesta proba que contará con Miguel Indurain como director de carreira. A clasificación xeral chega encabezada por Sergio Samitier (Lizarte).