Gondomar inicia a limpeza dos camiños do municipio

FOTO: CONCELLO DE GONDOMAR

O Concello de Gondomar continúa no seu obxectivo de mellorar as parroquias, coa limpeza de cunetas, roza de camiños, asfaltado e canalización de pluviais.

Tras acometer a limpeza das estradas e camiños do centro urbano, os traballos de limpeza e roza realizaranse nos próximos meses nas parroquias do municipio. Dúas brigadas de Vías e Obras comezaron xa a retirar a maleza no barrio da Fraga, en Vincios, para continuar durante as próximas semanas no resto de barrios da parroquia.

As brigadas están compostas por cinco operarios municipais cada unha, contratados recentemente grazas ao Plan Concellos da Deputación de Pontevedra, e traballarán en quendas de mañá e tarde ata completar a roza e limpeza dos camiños e estradas de todas as parroquias do municipio.

Tanto o alcalde, Paco Ferreira, como o concelleiro de Vías e Obras, José Manuel Chamorro, advertiron que os traballos se alongarán durante meses debido á gran extensión coa que conta Gondomar.