350 atletas disputarán este domingo en Nigrán o I Tríatlon Desafío Illas Estelas

FOTO: CONCELLO DE NIGRÁN

Un total de 350 deportistas disputarán este domingo en Praia América-Panxón o I Tríatlon Desafío Illas Estelas organizado dende o Concello de Nigrán, Desafío Islas Cíes e Lodeco SLU con vocación de consolidarse dende esta primeira edición e ser un referente no calendario deportivo. Este constará de dúas probas, por un lado unha de Supersprint cunha distancia de 300 metros en natación, 13 km en ciclismo e 2,5 km de carreira a pé; e por outra banda unha de sprint con 750 metros de natación, 19’5 km de ciclismo e 5 km de carreira a pé. As inscricións xa están esgotadas, sendo 250 corredores na proba de sprint e 100 en supersprint.

A carreira disputarase segundo a normativa vixente no Regulamento Oficial de Competicións das Federacións Galega e Española de Tríatlon e estableceranse diferentes categorías (supersprint dende infantil ata veteranos e sprint partindo dende cadetes). A saída, transición e meta terá lugar en Panxón, fronte ás pistas de tenis de Gaifar, comezando ás 11.00 horas a primeira carreira (os deportistas deben estar para o control de material a partir das 10.00 horas). O circuíto de natación sitúase en fronte, o de ciclismo percorre a Estrada pola Vía ata A Foz, e o da carreira o paseo marítimo. A estrada será cortada no momento mesmo en que se dispute a proba.

A entrega de premios está prevista ás 14.00 horas neste mesmo punto, habendo trofeos para os tres primeiros clasificados e un agasallo conmemorativo para cada participante que remate.

«O deporte é saúde e dende o Concello estamos totalmente comprometidos para fomentar a súa práctica, por iso non perdemos a oportunidade de organizar este tipo de eventos que, ademais, reúnen a tanta xente no noso municipio. Queremos que sexa un referente deportivo máis de Nigrán», resume o alcalde, Juan González.

Anuncios