Sin categoría

Inscricións abertas para participar no XXVII Torneo de Fútbol Sala Vila de Baiona

O Torneo de Fútbol Sala Vila de Baiona chega á vixésimo sétima edición, outro ano máis organizado polo Baíña Fútbol Sala e o Concello de Baiona. Celebrarase do 26 ao 1 de xullo.

Nos últimos anos, o Vila prestou máis protagonismo á parte da base, algo que desde o club organizador cren esencial, pero este ano queren realzar o torneo en categoría sénior, que o pasado ano xa contou con 10 equipos. Ademais, queren incorporar o sénior feminino.

Do mesmo xeito que o ano pasado, o sábado pola tarde organizarase un torneo de “fútbol sala adaptado” co obxectivo de promover o deporte en todos os sectores da sociedade e convidaranse do mesmo xeito que o ano pasado a diversos colexios e institucións do Val Miñor e de Vigo.

Así mesmo o Vila de Baiona ofrecerá actividades paralelas de lecer e formación para todos os participantes e asistentes.

Torneo de valores

En base este ano presentan unha gran novidade, querendo cambiar totalmente o formato «competitivo» das categorías de base desde babys ata alevín.

Nas devanditas categorías o torneo será lúdico, deixando ao carón o “resultadismo”, e co afán de fomentar os valores deportivos, tales como o compañeirismo, o esforzo, o xogo en equipo, o respecto cara ao rival e árbitros, o xogo limpo, etc.

Organizaranse partidos de todos os equipos contra todos, sen semifinais, nin finais, e poñeranse determinadas normas como que todos os nenos teñen que xogar. Se nalgún partido un neno queda sen xogar o equipo será expulsado do torneo, de igual modo que será obrigatorio que o adestrador cambie a todos os xogadores sen que haxa algún que xogue todo o partido. Ademais incorporan as faltas técnicas ou antideportivas do baloncesto, co que se un xogador ou adestrador comete unha será o seu equipo sancionado cun tiro de castigo.

Ao acabar os partidos de cada categoría a organización terá un detalle para todos os participantes, porque todos son campións.

En todas as categorías os árbitros serán federados e as normas da FGFS. A organización do torneo terá un “comité de competición” que será o encargado de establecer as sancións e de recibir as alegacións ou recursos dos equipos.

Os xogadores con licenza federativa na FGFS terán seguro médico. Os que non teñan licenza federativa a organización non se fará cargo de ningún tipo de lesión, sendo o responsable de cada equipo o que se fará cargo (cada equipo ao participar consente os termos e normas impostas pola organización).

Cada equipo en todas as categorías terá que presentar a un delegado/ responsable, maior de idade, que será o encargado dese equipo. Todos os xogadores deben traer o DNI ao primeiro partido e entregar unha copia do devandito documento.

Os xogadores xogarán coas camisetas de igual cor co seu número correspondente, e pantalón curto. Non se permite xogar con bermudas nin con pantalón longo, excepto os porteiros.

Todos os xogadores terán seguro médico.

Esixirase a todos os equipos un comportamento exemplar, tanto dentro como fóra das canchas de xogo. A organización resérvase o dereito de tomar calquera medida que garanta un correcto desenvolvemento da competición, ata o punto de expulsar a algún equipo se o seu comportamento fose antideportivo.

Os equipos interesados en participar poden anotarse no teléfono 722393182 ata o venres 18 de xuño ás 14:00 horas. Os equipos sénior masculino deberán abonar 100€, e os sénior feminino 70€. O número de equipos por categoría está limitado.

A reunión informativa será o luns 19 de xuño no Centro Cultural de Baíña ás 21 horas e o martes 20 ás 14 horas sairán todos os horarios sen posibilidade de modificación algunha.

O torneo non competitivo é gratuíto, mentres que as categorías infantil, cadete e xuvenil son 40 euros por equipo, cantidade que se terá que pagar antes de celebrarse o sorteo.

O torneo contará coa presenza das seguintes categorías:
• Babys (nacid@s nos anos 2011 e 2012). (Máximo 8 equipos)
• Prebenxamín (nacid@s nos anos 2009 e 2010). (Máximo 8 equipos)
• Benxamín (nacid@s nos anos 2007 e 2008). (Máximo 8 equipos)
• Alevín (nacid@s nos anos 2005 e 2006). (Máximo 8 equipos)
• Infantil (nacid@s nos anos 2003 e 2002). (Máximo 8 equipos)
• Cadete (nacidos nos anos 2001 e 2002). (Máximo 8 equipos)
• Cadete Feminino (nadas nos anos 2001 e 2002). (Máximo 8 equipos)
• Xuvenil (nacidos nos anos 1998,1999 e 2000). (Máximo 8 equipos)
• Sénior masculino (máximo 16 equipos), feminino (máximo 8 equipos, se só hai 4 equipos o torneo será gratuíto pero non haberá premios en metálico)