Detectan graves deficiencias nos Servizos Sociais Municipais de Baiona

Segundo informa a Agrupación Socialista de Baiona, no pasado mes de marzo a Inspección de Servizos Sociais da Consellería de Política Social detectou graves deficiencias nos Servizos Sociais Municipais de Baiona.

A subvención destinada á dotación de recursos humanos polo Plan Concertado non se destinou á súa finalidade, xa que a achega da Consellería é para 1,5 traballadores sociais e o goberno local soamente contrata a unha traballadora.

Así mesmo, a persoa que ocupa o posto de Auxiliar Administrativa, subvencionada a xornada completa pola Deputación Provincial, non dedica a totalidade da súa xornada aos Servizos Sociais comunitarios básicos.

O horario de atención ao público de 9 a 10:30 horas é totalmente insuficiente para garantir o dereito das persoas a recibir información e para facilitar o primeiro acceso ao programa de valoración, orientación e información do Departamento, polo que esixe que se organice garantindo unha atención ao público de 9 a 14 horas.

Tamén denuncia que os accesos aos despachos do persoal técnico, que serve de sala de espera, está ocupado con caixas e outro material almacenado. Neste sentido instan a que se doten aos Servizos Sociais Municipais dos medios necesarios conforme o establecido no Decreto 99/2012.

En canto ao funcionamento do programa de Axuda no Fogar, constata que a Ordenanza Reguladora non está visada polo Servizo de Inspección. Hai unha lista de 13 persoas en espera pendentes de asignación de recurso, cando o Concello consta de 207 prazas dispoñibles, así como varias deficiencias en actuacións concretas a veciños usuarios do servizo.

Conclúe que á vista destes incumprimentos o Departamento de Servizos Sociais Municipal e o programa de Axuda do Fogar en particular, non se está a desenvolver conforme á normativa vixente.

“Nunha época de crise coma a que estamos a sufrir, non entendemos como dende o equipo de goberno non se é sensible á grave situación que están a pasar moitos dos nosos veciños e teñen desatendido o Departamento que máis actividade debería de estar a desenvolver neste senso”, sinalan os socialistas, que recordan que veñen denunciando hai tempo estas deficiencias que agora o Servizo de Inspección da Consellería constata.

“Esiximos ao Alcalde e á Concelleira de Servizos Sociais unha inmediata adecuación do Departamento Municipal á normativa e que se dote dos recursos persoais e materiais que a Consellería e Deputación subvencionan, para que este Departamento poida desenvolver coa maior efectividade posible a súa actividade”, conclúen.

Anuncios