Anuncios
Ticker de novas

O baionés Brais Gómez comeza a tempada cun segundo posto no Trofeo Concello de Carballo

FOTO: CRISTINA CIMA

O calendario galego de ciclismo na estrada arrancou este sábado coa disputa do Trofeo Concello de Carballo, a primeira proba da tempada para os corredores de escolas, cadetes e para o pelotón feminino, na que tamén competiron os júniors.

O baionés Brais Gómez, do Club Ciclista Ponteareas, subiuse ao podio ao conseguir o segundo posto na categoría cadete. “Moi orgulloso de min mesmo despois de estar un mes e medio parado debido a unha lesión, volver e adestrar soamente dúas semanas e estar aí diante é unha alegría. Xa tiña a tempada case por perdida e chegar e facer isto motívame moito a seguir adestrando”.

O bandeirazo de saída na Rúa Gran Vía, á altura do Mercado Municipal, deuse ás 15:00 horas. A esa hora comezaron a darlle aos pedais os alevíns e os principiantes na proba de habilidade. A continuación, chegou a quenda para os infantís.

Do circuíto urbano para as escolas, pasouse ás carreiras na estrada a partir das 16:30 horas cos cadetes e as mulleres. Ambas as dúas categorías afrontaron un percorrido de 33,2 quilómetros, sendo os primeiros 1.200 metros neutralizados.

O peche do trofeo correu a cargo dos júniors, desde as 18:00 horas, sobre unha distancia de 74,1 quilómetros, tamén cos primeiros 1.200 metros neutralizados.

Na capital da comarca coruñesa de Bergantiños participaron uns 200 ciclistas de base.

Anuncios