Anuncios
Ticker de novas

De tapas con Carlos Casares en Gondomar

FOTO: LIBRARÍA LIBRAIDA

A Libraría Libraida e a Taparía A Galiña do Ardora de Gondomar organizan “Unha tapa con Carlos Casares”, unha perfecta maridaxe entre a literatura e a gastronomía para homenaxear ao escritor ao que se lle dedica este ano o Día das Letras Galegas e moi vinculado á comarca do Val Miñor.

Estar a carón do Paseo de Carlos Casares, inaugurado o 17 de maio do 2008 na vila de Gondomar, e da escultura da Galiña Azul, deseñada por Alfonso Soliño Troncoso e inspirada nun dos primeiros textos da literatura infantil galega “A Galiña Azul”, é ter presente todos os días a figura do escritor.

Por elo, Libraida e A Galiña do Ardora organizan de maneira conxunta, os últimos xoves de cada mes ao longo do ano 2017, unha homenaxe a Carlos Casares cun acto que se desenvolverá na libraría e na taparía.

O acto está dividido en dúas partes. Na primeira, unha persoa convidada achega aos asistentes unha das obras de Carlos Casares, e na segunda, comparten unha lectura de texto escollido e recollido na Marxe, o dietario persoal que Carlos Casares escribiu para La Voz de Galicia desde 1992 ata 2002, mentres degustan unha tapa na taparía.

O pasado xoves tivo lugar a primeira sesión de “Unha tapa con Carlos Casares” coa súa obra “O Sol do Verán” (Ed. Galaxia) e “10 lecturas compartidas”. “O Sol do Verán” (Premio Nacional da Crítica 2002) é a derradeira obra de Carlos Casares. Historia de amor e morte, a enorme riqueza desta novela reside no poder evocador das lembranzas e na capacidade do autor para compartilas. Literatura auténtica, froito dun inesquecible alento e dunha extraordinaria paixón por comprender o tecido íntimo da existencia.

Anuncios
error: Content is protected !!