Sin categoría

Baiona organiza unha viaxe a Laredo polo Día das Vilas Mariñeiras

O Concello de Baiona organiza unha viaxe a Laredo para asistir a fin de semana do vindeiro 20 de maio ao Día das Vilas Mariñeiras e participar nos festexos que se celebrarán na localidade cántabra. O alcalde, Ángel Rodal, tomará posesión da presidencia da asociación Vilas Mariñeiras, cargo que exercerá durante os dos próximos anos.

A Asociación Vilas Mariñeiras á que Baiona pertence desde a súa fundación, celebra o sábado 20 de maio, a terceira edición do “Día de Vilas Mariñeiras”. Nesta ocasión, a vila anfitrioa será Laredo, en Cantabria, e o evento, que se celebrou por primeira vez no ano 2014 en Baiona, xorde para dar a coñecer os municipios que forman o colectivo e poñer en valor os seus recursos turísticos, culturais e gastronómicos, ademais de afianzar a imaxe a nivel interno nos propios municipios.

A Concellería de Turismo de Baiona, que coordina Beatriz González, está a traballar na organización da viaxe, para que os veciños de Baiona que teñan interese en participar neste evento, poidan desprazarse a Laredo.

A viaxe consistirá nunha estancia de dous días e medio, facendo noite en Laredo os días 19 e 20 de maio. A saída de Baiona será o venres 19 de maio e a volta a Baiona, na tarde do domingo 21 de maio. De regreso a Baiona, xantarase en Tapia de Casariego.

O custo total da viaxe por persoa será de 130 euros en habitación dobre. O prezo inclúe o aloxamento nun céntrico hotel de 3 estrelas, en réxime de aloxamento e almorzo, e todas as comidas e ceas que implica o desprazamento. A viaxe, subvencionada polo Concello de Baiona, realizarase en autobús.

O Concello de Laredo está a elaborar un amplo programa de actividades, no que incluirán diversas actuacións folclóricas e tradicionais, varias mostras gastronómicas e de artesanía, ademais de visitas guiadas polo municipio de Laredo.

Toda persoa interesada en viaxar a Laredo, deberá contactar e inscribirse na Oficina de Turismo de Baiona, no teléfono: 986 38 59 24. Prazas limitadas por rigorosa orde de inscrición.

Vilas Mariñeiras

A marca Vilas Mariñeiras naceu da unión de cinco municipios que na década dos noventa foron obxecto de Plans de Excelencia Turística. Así, Baiona, Laredo, San Vicente de la Barquera, Llanes e Ribadesella fundaron o Club de Excelencia Turística da España Verde.

Na actualidade, Vilas Mariñeiras é unha asociación de seis municipios turísticos situados no marco xeográfico da costa atlántico-cantábrica, que se estenden ao longo de tres comunidades autónomas: Galicia, Asturias e Cantabria. En Galicia: Baiona, en Asturias: Ribadesella e Llanes. En Cantabria: San Vicente de la Barquera, Santoña e Laredo.

Todas estas vilas son portos de mar cheos de tradición e de patrimonio cultural, artístico e natural, que apostan polo traballo en equipo. Todas elas comparten clima, gastronomía, paisaxe e un produto turístico de calidade asociado ao mar. Pero ademais, cada unha delas conta cunha personalidade forte que a diferenza das súas compañeiras, o que dá como resultado unha oferta variada e coherente que se distingue do resto pola súa orixinalidade, diversidade e calidade. Máis información en http://www.villasmarineras.es.