O IES Val Miñor participou este martes na VII convocatoria do Día da Educación Física na Rúa, que se celebra en todo o territorio nacional organizado polo Consello Xeral de Colexios Profesionais da Educación Física e do Deporte (Consello COLEF) baixo o lema “Estilo de vida activo para todos/as e para sempre”.
60 alumnos de 1º de ESO do centro nigranés trasladaron a clase a unha contorna inmellorable, Praia América, onde o vento foi o invitado especial. Camiñaron, xogaron ao béisbol, ás pas, ao voleibol, ao frisbee, ao diábolo, e gozaron da actividade física ao máximo.
O VII Día da Educación Física na Rúa foi con toda probabilidade o maior evento educativo simultáneo celebrado ata agora en España. Aproximadamente 33.000 alumnos e alumnas de 300 centros de Educación Primaria, Secundaria e Ciclos Formativos en diferentes puntos do territorio nacional saíron ás rúas, prazas e parques para mostrar os seus traballos e lembrar a importancia dun estivo de vida activo así como a necesidade de máis educación física na nosa vida cotiá e na educación dos nosos mozos.






