Os triatletas Alarza, Serrat e Velásquez compiten co Club Ciclista Rías Baixas na Clásica de Pascua

FOTO: CLUB CICLISTA RÍAS BAIXAS

Tras a paréntese da Semana Santa, a competición regresa para o Club Ciclista Rías Baixas cunha dobre cita. O proxecto presidido por José Luis Chamorro disputará este sábado a Clásica de Pascua en Padrón, primeira carreira do calendario autonómico Elite e Sub23, e o domingo a Clásica Cidade de Torredonjimeno, sexta proba puntuable da Copa de España.

En terras coruñesas a formación do Val Miñor presentará unha aliñación repleta de novidades. Tres triatletas do máximo nivel defenderán as súas cores. Fernando Alarza xa debutou co Club Ciclista Rías Baixas o pasado mes de marzo no GP Primavera de Ontur, unha carreira que lle serviu de preparación para as Series Mundiais de Tríatlon de Gold Coast en Australia, onde días despois logrou a terceira posición.

O talaverano estará acompañado nesta ocasión polo vigués Antonio Serrat, recente campión galego de dúatlon de estrada, e polo venezolano Luismi Velásquez, terceiro clasificado no autonómico de dúatlon. Os dous estréanse nas filas miñoranas, do mesmo xeito que o surafricano Ivan Venter, unha das maiores promesas do ciclismo do seu país, que se incorporou a esta estrutura nos últimos días.

Os sub23 galegos Yago López, Raúl González, Daniel Rodríguez, Lois Rodríguez e Roberto Mediero completan o equipo. A edición número 55 da Clásica de Pascua e ás 15:30 horas darase o banderazo de saída aos 123 quilómetros de percorrido. As ascensións ao alto da Pereira, coa súa cima a 15 km de meta, e a continuación ao porto de Formarís, a 10 da chegada, antóllanse decisivas.

Copa de España en Xaén

Ao día seguinte, o Club Ciclista Rías Baixas pretende seguir dando guerra na Copa de España. O certame máis prestixioso do calendario estatal Elite e Sub23 celebra este domingo a súa sexta xornada na provincia de Xaén. A calor e a esixencia dos seus 160 quilómetros están chamados a marcar as diferenzas na XXXIII Clásica Cidade de Torredonjimeno.

Marcos Serrano despraza a esta proba un bloque formado por Diego Tirilonte, Jaime Guzmán, Jesús Nanclares, Jon Ander Tomei, Rodrigo Enríquez, Borja Alfaraz e Diego González. As principais dificultades montañosas serán o alto de Locubín, de 1ª categoría no quilómetro 107, e o de Valdepeñas, de 2º no km 120.

Anuncios