O BNG de Nigrán reclama que se redacte xa o proxecto construtivo do edificio que acollerá a nova biblioteca

FOTO: CONCELLO DE NIGRÁN

O BNG de Nigrán, tras facerse público o anteproxecto dunha nova biblioteca municipal, esixiu na Comisión Informativa de Asuntos Xerais que este sexa exposto ao público polo prazo dun mes, para que a veciñanza e os colectivos sociais de Nigrán fagan as achegas que consideren. “Con esta exposición pretendemos que o definitivo proxecto construtivo poida recoller as demandas que os axentes socioculturais e outros colectivos interesados no novo equipamento poidan achegar”, sinala Xavier Rodríguez, Portavoz Municipal do BNG.

“Para nós, este é un proxecto estratéxico de mandato e, polo tanto, unha inversión prioritaria a executar antes de rematar o mesmo. Por iso esiximos ao goberno municipal que, unha vez exposto ao público o anteproxecto anterior, convoque unha reunión coa presenza de todos os grupos políticos co obxecto de analizar as posibles achegas realizadas e acordar características básicas e emprazamento da nova biblioteca municipal de Nigrán”, engade o portavoz nacionalista.

Igualmente, demandan que, unha vez acadado o acordo anterior, proceda xa no presente exercicio á redacción do proxecto construtivo, ben por medios propios ou mediante a correspondente contratación, habilitando os medios necesarios para tal fin, ao mesmo tempo que estuda as posibles vías de financiamento para executalo.

“É preciso evitar a falla de operatividade deixando correr o tempo sen tomar decisións polo que achamos imprescindible que se produzan avances neste obxectivo”, insiste Xavier Rodríguez.

“Nesta altura queremos lembrar que o anteproxecto presentado con tanta sorpresa nos medios non é máis ca iso, un anteproxecto que, como moitos antes, podería ser perfectamente non nato ou, simplemente, durmir o soño dos xustos, e iso é precisamente o que esta formación política está decidida a evitar”, conclúe o portavoz do BNG.

Anuncios