Anuncios
Ticker de novas

Nigrán celebra o Día Internacional da Lingua Materna plantando unha árbore no CEIP da Cruz

FOTO: CONCELLO DE NIGRÁN

O Concello de Nigrán celebrou no CEIP da Cruz, en Camos, o ‘Día Internacional da Lingua Materna’, declarado o 21 de febreiro de 1999 pola UNESCO co obxectivo de promover a diversidade lingüística e cultural e o plurilingüismo. No acto, ao que acudiu o alcalde e concelleiros, plantouse coa axuda dos alumnos un loureiro como símbolo da ligazón da lingua á súa terra e do seu crecemento. “Sodes o presente e o futuro, os responsables de que o galego medre e estamos aquí para festexalo”, sinalou o rexedor, Juan González.

O Concello de Nigrán quixo sumarse a esta celebración para recordar que o galego é a lingua materna de moitos veciños e veciñas, xa que a UNESCO entende que a difusión das linguas maternas minoritarias serve para incentivar, ademais do plurilingüismo, a diversidade cultural, que se interpreta como un activo para o desenvolvemento dos individuos e dos pobos.

“Con este loureiro creamos un espazo de reforzo positivo para estes alumnos de Camos, parroquia onde moitos deles falan galego e centro educativo onde, ademais, lle están prestando este curso especial atención ás linguas minoritarias”, sinalou Estela Suárez, técnica do Servizo de Normalización Lingüística do Concello. Así, durante este ano, os 98 alumnos de infantil e primaria do CEIP da Cruz están inmersos nun proxecto educativo que estuda as linguas minoritarias de todo o mundo, motivo polo que a celebración tivo lugar neste centro educativo.

O acto foi organizado polo Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Nigrán, departamento creado en 2016 a través dunha subvención de 7.440 euros da Deputación de Pontevedra e grazas á cal o Concello conta con este posto por vez primeira na súa historia.

Anuncios