A Fundación Provincial Banco de Alimentos de Vigo mobilizará este fin de semana a uns 400 voluntarios para participar na campaña “O Zampakilos Solidario” organizado polo grupo Vegalsa-Eroski.
A recollida de comida proposta levará a cabo este venres e sábado, 21 e 22 de abril, nun total de 21 Eroski Center e Autoservizos Familia, en concreto, en 15 deles situados en Vigo, 1 máis en Mos, outros 2 en Ponteareas, 2 máis en Redondela e 1 máis en Baiona.
“O Zampakilos Solidario” desenvolverase de maneira simultánea este fin de semana en numerosos supermercados do grupo empresarial en Galicia, Asturias e Castela e León. Tamén haberá recollida de alimentos noutras 6 superficies comerciais de Vegalsa-Eroski en Pontevedra, Marín, Vilagarcía e Arcade.
No caso do Banco de Alimentos de Vigo, a acción supoñerá un importante impulso en canto ao abastecemento de produtos básicos para o almacén de San Pedro de Sárdoma.
Desde a ONG agradécese a iniciativa solidaria que parte de Vegalsa-Eroski e, ademais, aproveita para poñer en valor ao grupo de voluntarios que, perfectamente identificados, regalarán catro horas do seu tempo a favor das persoas que peor o están pasando na actualidade.
2016, en cifras
A Fundación Provincial Banco de Alimentos de Vigo repartiu en 2016 máis de 2 millóns de quilos de comida (2.108.608 quilos), o que supón un 25 por cento máis que durante 2015, cando foron preto de 1,7 millóns de quilos os entregados aos colectivos sociais. A través destas entidades benéficas, a ONG chega a unhas 25.000 persoas con dificultades na provincia de Pontevedra.

