O Lendo Contigo de Espazo Lectura celebra unha sesión especial na planta de pediatría do Álvaro Cunqueiro

FOTO: XUNTA DE GALICIA

O vindeiro mércores 19 de abril o Lendo Contigo celebrará a sesión de abril no Hospital Álvaro Cunqueiro coa obra “A galiña azul”, de Carlos Casares (Galaxia), autor ao que se lle dedica este ano o Día das Letras Galegas. Nesta ocasión, os nenos e nenas que asisten do club e os nenos hospitalizados na planta de pediatría do hospital realizarán unha lectura compartida da obra e desfrutarán xuntos dun espectáculo de maxia do mago Cali.

A sesión será o mércores 19 ás 18:00 h no Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo. Desde Espazo Lectura queren agradecer ao Hospital e á editorial Galaxia a súa amable colaboración para a realización desta actividade.

Esta actividade dá comezo á Semana da Reivindicación Lectora que a asociación Espazo Lectura organiza con motivo da celebración do Día do Libro 2017. Dende o mércores 19 ata o xoves 27 de abril están programadas actividades diarias dos diferentes clubs da asociación, co acto central o propio día 23 de abril, cando se celebra a décima edición do Dar de ler.