Teresa Pedrosa reúnese coa nova directiva de OVALMI para impulsar proxectos comúns

FOTO: ZONA FRANCA DE VIGO

Realizar un estudo económico específico para a comarca do Val Miñor a través de Ardán e que a asociación empresarial OVALMI actúe como antena de difusión das actividades que levan a cabo en Porto do Molle son dous dos principais acordos aos que se chegou na reunión mantida entre Teresa Pedrosa e a nova directiva dos empresarios do Val que preside José Luís Froiz no Centro de Negocios de Porto do Molle.

Froito desta colaboración recíproca entre o Consorcio, como axencia de desenvolvemento económico local, e Ovalmi como asociación representativa do comercio e a industria desta comarca, tamén estará a difusión de información permanente das ofertas de parcelas dispoñibles no parque empresarial que xa é unha referencia para a instalación de novos negocios que activen a economía e o emprego de Nigrán, Gondomar e Baiona.

No transcurso da reunión, Pedrosa trasladou aos representantes empresariais a invitación para que todos os seus asociados poidan asistir ás diferentes actividades de formación e networking que se realizan no Centro de Negocios onde, segundo indicaron os empresarios, estarían moi interesados en poder trasladar nun futuro as súas instalacións.