Marta Dacosta presenta este venres o seu libro «Na casa da avoa» no IEM

O Instituto de Estudos Miñoráns acolle o venres 21 de abril ás 20:00 horas a presentación do libro «Na casa da avoa» de Marta Dacosta, na Aula de Cultura Ponte de Rosas, Avenida da Feira, 10, baixo, en Gondomar.

A autora estará acompañada por María Reimóndez (escritora) e Francisco Castro (Editorial Galaxia), e durante o acto interpretarán poemas Carlota Mosquera, Marta Fialho, Noelia Flannagan e Aldán Dacosta (estudantes da ESAD).

Na casa da avoa

Na casa da avoa é unha reflexión tecida con tres fíos: o da literatura, o da historia e o da vida. O tear en que se encontran mulleres míticas e mulleres reais, personaxes literarias e personaxes históricas, todas invisíbeis, porque se unhas son anónimas, outras, malia teren nome e coñecérmolo, foron deformadas, asimiladas e precisamos re-coñecelas.

Estas mulleres son as nosas avoas. Eses seres fabulosos que nos coidaron, que nos amaron e nos inculcaron dunha forma sutil, mais constante, o desexo de rebelarnos ou revelarnos, retirar os veos para vernos como somos, para descubrirnos, coñecernos. Abrazarnos tamén.

Avoas que nos sementaron a necesidade de falarmos coa nosa propia voz. E chegou o tempo de sermos nós as que falemos de Medea, Nefertiti, Ofelia ou Urraca.

Na casa da avoa é un libro de poesía, mais ten vocación de “cobertor desmesurado para abrigar as nosas almas do silencio”. Por iso nas súas páxinas hai mulleres de carne e óso, as avoas que nos foron parindo, xeración tras xeración.