O próximo 17 de maio celebrarase en Baiona o terceiro Campionato Galego de Seleccións Xuvenís, organizado pola Federación Galega de Fútbol Sala, o Baíña Fútbol Sala e o Concello de Baiona.
O Campionato Galego Xuvenil reúne aos mellores xogadores sub-18 de Galicia, distribuídos nas seis diferentes seleccións que se desprazarán a Baiona: Lugo, Vigo, Pontevedra, Santiago, Ourense e A coruña.
Os partidos xogaranse entre o Pavillón Municipal de Baiona e o recentemente remodelado Pavillón de Covaterreña. Pola mañá xogarase unha fase de grupos e pola tarde disputaranse as finais.
Este é o terceiro Campionato de categoría xuvenil, a primeira edición tivo lugar en Santiago e a selección de Vigo resultou a gañadora, a segunda edición celebrouse en Pazos de Borbén, resultando gañadora a selección de Lugo.
Baiona foi designada para recibir este evento xa que nos últimos anos o Futsal está a ter unha gran presenza, grazas ao fomento e apoio do Concello e ao traballo do club local, o Baíña Fútbol Sala, que conta con máis de 100 licenzas federativas e este mesmo ano foi galardoado como o mellor club do Concello.
Este evento acollerá a máis de 100 deportistas de primeiro nivel galego, ademais de moitos familiares e adestradores que virán gozar dunha gran xornada de Futsal. Tamén se organizarán diversas actividades paralelas co fin de difundir o Futsal en Baiona e arredores.

