O Instituto de Estudos Miñoráns (IEM) organiza a 10ª Xeira Alén Miñor o próximo sábado 13 de maio, para coñecer as fortificacións da Raia Húmida, Goián, Vila Nova de Cerveira e Estás, e o conxunto defensivo de Goián, Vila Nova de Cerveira e Medos.
Pola mañá, os participantes visitarán o Alto do Cervo, onde poderán ter unha panorámica da paisaxe e facer unhas explicacións xerais. Logo baixarán á Atalaia do Espírito Santo, o Forte de Lovelhe e Vila Nova de Cerveira, para logo xantar en Goián.
Pola tarde visitarán Goián (A Concepción, As Chagas e o Forte de San Lourenzo). Este sería o conxunto que construíron os portugueses no seu territorio e no noso. Logo irán ao Castelo de Medos en Estás, feito polos galegos para evitar o paso dos portugueses cara a Tui.
Se finalmente houbese tempo, visitaríase a Fortaleza de Amorín no concello de Tomiño, que pertence xa a outro conxunto.
A viaxe contará coa guía de Rebeca Blanco, Dra. en arqueoloxía pola Universidade do País Vasco. Actualmente investigadora postdoutoral da Xunta de Galicia con estancia na Universidade de Minho. A súa especialidade son as paisaxes fortificadas da época moderna e a arquitectura eclesiástica altomedieval.
A saída será ás 8:00 horas desde a explanada do Pavillón de Deportes de Gondomar, con chegada prevista ao mesmo lugar ás 21:00 horas.
Para anotarse á Xeira haberá que chamar ao IEM ao teléfono 986 360 575, de luns a venres de 18:00 a 21:00 horas, ou escribir un correo electrónico a oficina@iem.gal.
O prezo é de 33 euros para os socios e de 38 euros para os non socios, e inclúe a viaxe en autobús de 56 prazas, co seguro, o xantar e a guía. Nº DE CONTA IEM: ES95 2080 5035 0730 4001 4164.

