A morea de residuos segue a carón do Castro de Chandebrito un mes despois

A Asociación Veciñal Chandebrito 1807 comunicou o pasado 23 de marzo á Comunidade de Montes da parroquia a información facilitada por varios veciños a esta Agrupación de que observaron como se depositaban no acceso e nos arredores do Castro de Chandebrito e en camiños da súa contorna grandes moreas de lixo no que predominaban entullos de obra, ademais de conter restos de plásticos e outros residuos perigosos para a natureza e as persoas (táboas con puntas, PVC, vidros, metais, poliuretano, fibrocemento, etc.). Algúns deles estendéronse pola zona, e os restantes impiden a visitantes e a veciños o acceso ao Castro, ofrecendo un forte impacto visual e medioambiental. Ante a máis que posible existencia de restos de fibrocemento con amianto, advírtese que supón un serio perigo para a saúde das persoas.

Por elo, ao estar en terreos da citada Comunidade, dentro da área de protección do Castro, do Muíño das Chans e dos cruceiros e petróglifos do Castro e do Outeiro do Corvo (bens culturais contemplados no catálogo da Xunta de Galicia), e de conformidade ao que establece a lei 2/2016 do solo de Galicia e a Lei 5/2016 do Patrimonio Cultural, pedíuselle por escrito á mesma que tomasen as medidas que consideren adecuadas, tales como investigar de onde procede o lixo e requirirlle ao responsable da vertedura que a retire.

Nos días seguintes, e ao non ter respostas, este asunto comunicouse tamén por escrito ao Concello de Nigrán e ao Seprona da Garda Civil, aos efectos oportunos.

Esta Asociación non denunciou á Comunidade de Montes, senón que só informou a esta, á administración e aos axentes policiais da existencia das verteduras, a pesares de que o presunto responsable é o presidente desa organización, tal e como xa se publicou nalgún medio de comunicación, xa que a propia Asemblea non aprobou a actuación. Esta persoa tamén recoñeceu que os entullos proceden da empresa Toysal, dedicada ao reciclado deste tipo de residuos, pero non consta que fosen oficialmente trasladados ao lugar mencionado.

Ademais, esta Asociación foi a primeira en solicitar hai anos ás administracións autonómica e local que se arranxaran as pistas forestais da contorna para a mellora do monte e poder combater os lumes forestais, tal e como pode demostrar con escritos presentados ás mesmas, pero non ateigándoas de toneladas de lixo, que é o que fixeron nestes días.

Considera igualmente esta Agrupación que o Sr. presidente -quen accedeu á Xunta Reitora dun xeito irregular no ano 2007 ao ser comuneiro o seu pai- non está capacitado para tomar determinadas decisións, ao finalizar hai varios meses o mandato da actual Directiva, sen que se convocasen novas eleccións. Por outra banda, cabe destacar que durante varios anos esta investiu na mellora do monte unha porcentaxe moi inferior á que marca a Lei.

“Actualmente, seguimos sen ter un pronunciamento dos responsables desta desastrosa actuación, da que o propio alcalde recoñeceu no mesmo lugar e diante da policía autonómica que eses residuos non eran aptos para estar aí, que só coñecía un permiso de Patrimonio de hai uns tres anos, e que tampouco existía autorización municipal, pero a cuestión é que cedeu maquinaria e persoal do concello para cargar e estender todo ese lixo polo monte da zona, aínda que despois, ante a presión de varias organizacións e da policía ordenou parar a obra”, aseguran desde a Asociación Veciñal.

Cabe destacar tamén que o Castro de Chandebrito, ademais de ser un xacemento único polas súas favorables características, para o que se está tramitando a súa consideración como BIC -a maior protección que outorga a lei a un ben cultural-, está encravado dentro de sendeiros como o das Greas -que transcorre polo camiño polo que se estenderon os residuos-, é un dos tres miradoiros de Nigrán incluídos hai case un ano pola Xunta de Galicia no Catálogo dos Paisaxes de Galicia (documento que aborda o proceso de planificación da paisaxe, base para a elaboración das Directrices de Paisaxe. Un obxectivo adicional deste, contemplado na Estratexia Galega da Paisaxe, é a concienciación e sensibilización da sociedade, así como a posta en valor da paisaxe galega. Este catálogo pretende sentar as bases para a planificación, xestión e protección da paisaxe de Galicia). Por elo, non se entende que se realicen este tipo de actuacións no mesmo lugar.

A pesares de todo o indicado, e despois de transcorrer case un mes desde as verteduras, as grandes moreas de residuos perigosos seguen a día de hoxe a carón do Castro e varias toneladas xa foron esparexidas polo camiño que vai dende ese lugar ata o lugar das Pereiras, na Estrada de Chandebrito a Coruxo, o que pode provocar que estes rematen no citado viario e contaminando mananciais, regatos, terreos agrícolas, etc.

Esta Asociación, que leva dez anos promovendo a conservación e valorización do patrimonio cultural e da natureza, non pode permanecer calada ante estas brutais agresións que atentan gravemente contra os valores que defende, polo que levará esta cuestión ata onde sexa preciso.

Anuncios