O Pabellón de Ourense gaña o VII Torneo de Fútbol 8 de Baiona en categoría alevín

FOTO: PEPE COSTAS

Tras a celebración este luns da primeira xornada do VII Torneo de Fútbol 8 de Baiona, na que o Santa Mariña proclamouse campión na categoría chupetes, este martes continuou a competición nos campos do Aral e Val de Martín coa categoría alevín. 33 equipos, que sumaban 400 nenos, disputaron un total de 40 partidos.

O Pabellón de Ourense proclamouse campión despois de vencer ao Deportivo da Coruña na final. O terceiro posto da clasificación foi para o Santa Mariña, e o cuarto para o Coruxo. Tamén recibiron trofeo o mellor porteiro, que recaeu en Iker do Santa Mariña, e o mellor xogador, que foi Daniel do Deportivo da Coruña.

Na fase de consolación, o primeiro foi o Val Miñor, seguido do Valladares, o Chapela e o SP Guardés en segunda, terceira e cuarta posición respectivamente.

O VII Torneo de Fútbol 8 de Baiona, organizado polo Erizana, congrega nesta edición a máis de 1.100 nenos de entre 4 e 14 anos de toda Galicia, repartidos en 84 equipos. Durante catro días, nos campos do Aral e Val de Martín, nenos duns dos 50 clubs máis importantes de toda Galicia comparten deporte, experiencias e aprendizaxe.

O VII Torneo de Fútbol 8 de Baiona continuará ata o xoves coas categorías benxamín e prebenxamín.