Nigrán recolle ata o 23 de maio as solicitudes de prestación económica por fillos menores a cargo

O Concello de Nigrán informa de que a Xunta de Galicia vén de convocar a “Prestación económica de pago único por fillo menor a cargo” co fin de paliar, na medida do posible, os gastos dos primeiros anos do neno, establecendo deducións da cota íntegra autonómica do IRPF.

Como novidade, este ano a contía da axuda variará en función do número de orde que ocupe o menor de tres anos na unidade familiar, podendo ser as contías de 360 euros, 1200 euros e 2400 euros. Poderán ser beneficiarios todas aquelas persoas que teñan ao seu cargo fillos menores de 3 anos a data 1 de xaneiro de 2017 e que non teñan feita a declaración da renda do exercicio 2015, nin eles nin ningún membro da unidade familiar.

A documentación que deberá acompañar á solicitude é: fotocopia do libro de familia completo, certificado do padrón da unidade familiar, certificado IBAN a nome do solicitante (pai, nai ou titor) e outra documentación para casos excepcionais.

As solicitudes pódense presentar no Departamento de Servizos Sociais do Concello de Nigrán (planta baixa), antes do 23 de maio, previa cita no teléfono 986365000.