O Concello de Baiona recuperou nos últimos días tres placas de bronce feitas hai case dúas décadas e localizadas no almacén municipal durante os traballos de inventario. A instalación das inscricións, datadas no ano 1998 con datos históricos de tres das xoias do seu patrimonio cultural, comezou este martes pola ponte da Ramallosa, onde xa luce a placa que lembra a súa construción no século XIII.
A Ponte Románica da Ramallosa, a Fortaleza do Monte Real e a Igrexa de Santa Cristina da Ramallosa lucirán nova sinalización coa recuperación de tres placas de bronce recuperadas do almacén do Concello. “Os traballos de inventario que fixemos durante as últimas semanas permitiron recuperar estas pezas de gran valor que difunden as características de tres das grandes xoias culturais que temos no municipio”, apuntou o alcalde, Ángel Rodal.
Despois dos traballos de limpeza, operarios da Concellería de Vías e Obras de Baiona procederon este martes a instalar a primeira das sinales recuperadas. Trátase dunha placa de bronce coa inscrición da ponte románica na que faise constar a historia da súa construción, obra de San Pedro González Telmo, sobre a vía romana “Per Loca Maritima”.
Nas próximas semanas levarase tamén a cabo a instalación das outras dúas placas que lembran a historia da Fortaleza de Monte Real e da Igrexa de Santa Cristina da Ramallosa.
No caso da primeira, a sinalización destaca a construción da Fortaleza hai máis de 2.000 anos no coñecido como Monte Boi. Hai 520 anos, o 15 de xaneiro de 1497, os Reis Católicos concedían a Baiona a Carta Puebla que incluía numerosos privilexios e o Monte Boi pasaba a denominarse Monte Real.
Pola súa banda, a placa da Igrexa Parroquial de Santa Cristina da Ramallosa lembra a súa construción no ano 1917, sendo o párroco Francisco Senra Díez e Bispo de Tui, Leopoldo Eijo Garay.

