Espazo Lectura volve estar entre os finalistas da Gala do Libro Galego

FOTO: ESPAZO LECTURA

A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), a Asociación Galega de Editoras (AGE) e a Federación de Librarías de Galicia deron hoxe a coñecer as obras finalistas da Gala do Libro Galego 2017, un galardón co que se pretende recoñecer a excelencia do traballo literario realizado no ámbito editorial ao longo do ano 2016 en Galicia. As obras gañadoras, sen dotación económica, serán determinadas por un xurado externo e daranse a coñecer o vindeiro 20 de maio nunha Gala que terá lugar no Teatro Principal de Santiago de Compostela.

Entre os finalistas figura por segundo ano consecutivo Espazo Lectura, de Gondomar, na categoría de Iniciativa Cultural ou de Fomento da Lectura. A asociación foi recoñecida con este galardón na 1ª Gala do Libro Galego celebrada no 2016, cando o xurado valorou o fomento da lectura a pé de rúa, no día a día e para todas as idades, e cunha progresión na intensidade de traballo notable en diversos ámbitos do proxecto.

Espazo Lectura é unha organización non gobernamental fundada para o fomento e a animación á lectura en lingua galega. Organiza actividades sen ánimo de lucro relacionadas coa promoción lectora, así como calquera outro tipo de iniciativas que teñan que ver coa promoción da lectura e do libro como referentes de benestar social e coa consideración do libro como elemento socializador, indispensable para elevar o nivel educativo, a conciencia crítica, a capacidade analítica e, en definitiva, a calidade de vida e o ocio das persoas.