Nenos e pais enchen a nova “Praza da Feira” da Ramallosa na súa inauguración

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ

Decenas de nenos e nenas xunto cos seus pais e nais encheron este venres a nova praza pública da Ramallosa bautizada como “Praza da Feira”. O Concello de Nigrán organizou unha xornada festiva dende as 18.30 horas coa actuación da agrupación Breogán Valle Miñor e o grupo de animación Fantasía. Ademais, como complemento, os comercios da contorna abren ininterrompidamente ata as 22.00 horas con ofertas especiais e os locais de restauración ofrecen bebida e tapa por só 2 euros.

Este novo espazo de 500 metros cadrados, realizado por operarios municipais cun orzamento de 72.000 euros a cargo do remanente de tesourería, está situado entre as rúas Damas Apostólicas e Romana Alta, nun lugar anteriormente sen uso e carente de calquera atractivo. O goberno de Nigrán levou adiante este proxecto co obxectivo de potenciar e poñer en valor a zona comercial da Ramallosa ao tempo que crea zonas de ocio e de convivencia cidadá, tal e como fixo coa Praza do Peregrino en Priegue ou coa fonte seca de Praia América.

«Supón un novo atractivo que se sitúa na ruta do Camiño Portugués pola Costa e no corazón do comercio da Ramallosa co fin de apoiar ambos aspectos e darlle valor ao entorno», sinala o alcalde, Juan González, quen destaca «o apoio, consenso e colaboración» de todos os comerciantes da zona para levalo adiante. «O anterior espazo non se empregaba en absoluto, carecía de calquera interese. Agora si será un núcleo de esparexemento para todas as idades porque conta con parque infantil, unha zona verde, bancos á sombra… Será un lugar no que os nosos veciños, peregrinos e visitantes poderán desfrutar de verdade do espazo público de Nigrán», resume. Así, tres oliveiras centenarias presiden nun extremo a zona verde, no centro unha pérgola de aceiro inoxidable protexe a zona de bancos e, no outro extremo, un parque infantil con torre, columpios ou rede trepadora servirá de recreo para os cativos.

Panel coa historia

Un panel informativo glosa ademais toda a historia da Feira da Ramallosa, evento histórico da comarca coa que foi bautizada a praza por situarse nesta zona. Toda a información contida foi glosada polo alcalde de Nigrán, Juan González, e Anxo Rodríguez, ambos historiadores.

Anuncios