O PSOE critica a falta dun Plan de Desenvolvemento Turístico e Económico en Baiona

FOTO: PEPE COSTAS

Dende a Agrupación Socialista de Baiona móstranse alarmados polos recentes acontecementos que involucran ao Grupo de Goberno en materia turística, principal motor económico do pobo.

O pasado xoves día 30 de marzo tivo lugar a gala de presentación da campaña de Turismo Rías Baixas 2017 promovida pola Deputación de Pontevedra no Auditorio Mar de Vigo, con o obxectivo principal de proxectar a nivel nacional e internacional a riqueza da Nosa Terra.

Para o Secretario Xeral dos Socialistas de Baiona, Carlos Gómez Prado, neste marco, Baiona debe ser un referente, “polo que non lle encontramos ningunha explicación a que o Grupo de Goberno de Baiona, despois de recibir invitación oficial dos actos, non acudira aos mesmos, ademais de non dar explicacións de o por que da non asistencia”.

Isto proba, segundo Gómez, “a desidia e a falta de compromiso co noso pobo por parte do Alcalde e Grupo de Goberno, e para exemplo un botón, cando fai dúas semanas o Sr. Rodal saíu publicamente dicindo que o proxecto estrela desta lexislatura en materia de turismo é a reforma da cetaria”.

Respecto a esta reforma, o Grupo Municipal Socialista ten serias dúbidas da existencia dun proxecto debidamente fundamentado, “xa que difire sen xustificación algunha, polo menos que nós saibamos, nuns 50.000 € da cantidade transmitida polo Sr. Rodal nos primeiros días do seu mandato”.

Con todo isto o Partido Socialista de Baiona entende que queda patente a ausencia dun Plan de Desenvolvemento Turístico e Económico por parte do Grupo de Goberno do Concello de Baiona.