Cuba estará presente na Arribada de Baiona por primeira volta dende 2001

Dende a Arribada do 2001, cando se firmou o protocolo de irmandamento entre Baiona e a cidade Rafael Freyre, ata agora Cuba non estivo representada nesta festa popular. A esta localidade da provincia de Holguín chegou Colón na súa primeira viaxe. Este ano o posto de Cuba está organizado conxuntamente polo Consulado de Cuba en Santiago de Compostela, a Asociación de Amizade Galego-Cubana Francisco Villamil e o núcleo do Val Miñor do Partido Comunista de Galicia.

No posto ofreceranse produtos ecolóxicos cubanos, como café e azucre de cana, e non faltarán outras bebidas e comidas típicas caribeñas, como o famoso congrí (arroz con feixóns negros, tamén apto para veganos e celíacos), o bocadillo de leitón, e os imprescindibles mojito e piña colada, sen alcol, seguindo as normas establecidas polo Concello de Baiona. Ademais haberá Información sobre sanidade, ensino, medio ambiente e o turismo en Cuba.

Os interesados poderán anotarse no posto para unha viaxe colectiva a Rafael Freyre con obxectivo turístico e de inmersión na realidade cubana, de cara a estreitar os lazos de irmandade entre as dúas cidades irmáns.

O beneficio total das ventas dedicarase a un proxecto solidario prioritario para Rafael Freyre, aínda por determinar, ou a financiar a sustentabilidade enerxética con paneis solares do Instituto Finlay, onde fabrican tres vacinas contra a COVID-19: SOBERANA 1, SOBERANA 2 e SOBERANA Plus.

Invitan a toda a poboación da comarca do Val Miñor e Vigo a solidarizarse con Cuba visitando o seu posto, que estará situado xunto cos outros pobos irmáns, no Paseo Ribeira.